Amosando publicacións coa etiqueta club de lectura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta club de lectura. Amosar todas as publicacións

sábado, 17 de outubro de 2026

O CLUB DE LECTURA...COMEZA A SÚA ANDADURA!

 Esta semana, o alumnado de quinto e sexto participante no Club de Lectura do C.E.I.P. As Bizocas asistiu á súa primeira xornada.

Tras a lectura dunha carta de benvida recibiron tamén un un marcapáxinas personalizado como agasallo para disfrutar das lecturas do curso.

Despois participaron nun emocionante xogo de escape no que tiveron que ir superando uns retos para descubrir o título da primeira lectura do curso. E o título do primeiro libro será...

  "Plan de rescate", de Antía Yáñez.

        

 





venres, 22 de maio de 2026

PECHANDO O CLUB DE LECTURA 25/26

 Esta semana puxemos o broche final ao noso Club de Lectura cunha actividade moi especial de avaliación e reflexión. O alumnado participante compartiu as actividades que máis lle gustaron, aquelas que menos, propostas de mellora e tamén unha puntuación global da experiencia vivida ao longo do curso. Foi moi enriquecedor coñecer as súas opinións e comprobar o moito que gozaron desta aventura lectora.

Despois deste momento de valoración, fixemos entrega dos diplomas de participación como recoñecemento ao interese, implicación e entusiasmo demostrado durante todas as sesións. Ademais, cada participante levou un pequeno agasallo de recordo: un marcapáxinas e unha libreta.

Queremos agradecer sinceramente a participación de todo o alumnado, así como o bo ambiente creado arredor dos libros, das historias e das conversas compartidas.

Agardamos vervos de novo o vindeiro curso para seguir descubrindo novas lecturas e vivindo moitas máis aventuras xuntos/as!

mércores, 22 de abril de 2026

O CLUB DE LECTURA SAE DE EXCURSIÓN XUNTO CO CLUB DE LECTURA DO VALLE INCLÁN

 O alumnado do CEIP As Bizocas participante no club de lectura viviu unha xornada inesquecible xunto co alumnado do club de lectura do CEIP Valle-Inclán. Despois de ler Wombo Combo de Paula Carballeira, puxémonos en marcha para facer unha saída moi especial relacionada co teatro.

 

A nosa primeira parada foi o Centro Dramático Galego, en Santiago de Compostela. Este centro é a compañía pública de teatro de Galicia, encargada de producir e difundir espectáculos en galego, apostando pola nosa lingua e cultura. Alí tivemos a sorte de que nos recibira Francisco, a quen lle queremos agradecer enormemente a súa atención e a oportunidade de coñecer este espazo tan especial. 

MOITAS GRAZAS A TODO O PERSOAL POR RECIBIRNOS TAN BEN!

 

Durante a visita, puidemos ver o teatro por dentro e descubrir todo o que hai detrás do escenario: o entramado técnico, os espazos ocultos… e incluso subimos polas escaleiras traseiras ata o alto do teatro! Foi toda unha experiencia que nos fixo entender mellor como cobra vida unha obra teatral.

Despois, xa que estabamos en Santiago, aproveitamos para facer un percorrido por algúns dos seus lugares máis emblemáticos: a Praza do Obradoiro, coa impresionante Catedral de Santiago de Compostela, a Praza de Cervantes e a Praza do Toural, entre outros. Fixémolo dun xeito moi divertido: en pequenos grupos mesturados entre alumnado do Valle-Inclán e das Bizocas, cun pequeno mapa no que iamos tachando os lugares polos que pasabamos.

Para repoñer forzas, comemos na Alameda de Santiago, desfrutando dun momento de descanso ao aire libre, e puxemos o broche final á xornada cun merecido xeado 🍦.

En resumo… pasámolo xenial! Un día cheo de aprendizaxe, convivencia e moita diversión que, sen dúbida, repetiriamos sen pensalo dúas veces.

luns, 30 de marzo de 2026

TEATRO LIDO NO CLUB DE LECTURA

Nas últimas sesións do Club de Lectura estamos a gozar da lectura dramatizada de Wombo Combo, de Paula Carballeira. A través do teatro lido, estamos a interpretar os distintos personaxes, poñéndolles voz e dando vida aos diálogos da obra.

Wombo Combo é unha peza divertida e dinámica, chea de humor e situacións sorprendentes que nos fai reflexionar sobre as relacións entre as persoas e a importancia da comunicación. Ademais de achegarnos ao teatro, esta actividade está a fomentar a lectura expresiva, a creatividade e o traballo en grupo.

Estamos a pasalo xenial converténdonos por un intre nos protagonistas da historia e descubrindo todo o que o teatro pode ofrecernos.

luns, 23 de marzo de 2026

CLUB DE LECTURA: WOMBO COMBO TRANSFÓRMANOS EN STREAMERS

Wombo Combo: A voz de Loirus Rex no noso Club de Lectura

No noso Club de Lectura, as páxinas saltan dos libros ás pantallas. Esta semana, inspirados pola lectura de Wombo Combo de Paula Carballeira, enfrontamos o emocionante "Reto de Loirus Rex".

Os participantes convertéronse en auténticos streamers por un día. O desafío? Facer un cásting de comentaristas narrando partidas de videoxogos sen son, poñendo a proba a súa rapidez, enerxía e creatividade oral.

Demostramos así, que a literatura e o mundo dos videoxogos falan a mesma linguaxe.





luns, 9 de marzo de 2026

LEMOS TEATRO NO CLUB DE LECTURA

 No Club de Lectura seguimos descubrindo novas historias e xéneros literarios. Nesta ocasión tócalle a quenda ao teatro.

O alumnado de 5º  E 6º 
de Educación Primaria escolleu ler, entre 3 libros de teatro, Wombo Combo, da autora Paula Carballeira. 

Con esta lectura, o alumnado do club está a achegarse ao teatro dun xeito diferente: lendo os diálogos, interpretando os personaxes e imaxinando como sería levar estas historias ao escenario. 

Sen dúbida, unha experiencia lectora distinta e moi divertida.

venres, 6 de marzo de 2026

O CLUB DE LECTURA CONVERTEUSE EN CONTACONTOS

 Estas semanas o alumnado do Club de Lectura converteuse en auténtico equipo de contacontos para compartir historias co alumnado de Educación Infantil e do 1º ciclo de Primaria.

Durante varios días prepararon con moita ilusión diferentes contos, buscando a mellor maneira de facelos chegar aos máis pequen@s. Cada grupo pensou unha forma distinta de narrar a súa historia: houbo marionetas, contos cantados, interpretacións cheas de expresividade e mesmo un rap para contar un dos libros. O resultado foi unha actividade chea de creatividade, risas e moita participación.

Os contos preparados foron os seguintes:

5º de Primaria

  • Rap do coello Fedello – Aaron, Martín e Yago

  • Dinosaurio Belisario – Aleix e Yerai


  • Grisela – Zaira, Rocío e Gisela

6º de Primaria

  • Pero que terá Tomasa? – Noa, Valeria e Zoe

  • Ladrón de flores – Valentina, Uxía e Marta

  • Que vivan as uñas de cores – Sabela e Iria

  • Aquí non se rima – Eloy, Julia e Sofía

Foi unha experiencia moi especial na que o alumnado maior puido compartir a súa paixón pola lectura, ao tempo que os máis pequenos gozaron de historias cheas de imaxinación.

Sen dúbida, actividades como esta demostran que ler tamén é unha forma marabillosa de xogar, crear e aprender xuntos.

luns, 9 de febreiro de 2026

OS RELATOS DE MEDO XA ESTÁN AQUÍ!

Nas últimas sesións do club de lectura fomos á Radio Sabichón do cole para vivir unha experiencia moi especial. Despois de ler Relatos de pantasmas, traballamos en grupo para crear os nosos propios relatos de medo, cheos de misterio e imaxinación.

Cando os relatos estiveron listos, gravámolos na radio. Alí aprendemos como funciona unha emisora, usamos os micrófonos e sentimos o que é falar na radio de verdade. Foi unha actividade moi divertida e diferente.

Encantounos a experiencia e pasámolo xenial como locutores por un día. Os audios xa están listos para escoitar! 

PINCHADE AQUÍ!


luns, 2 de febreiro de 2026

CONTOS QUE VIAXAN DE AULA EN AULA NO CLUB DE LECTURA

No noso cole as historias tamén se preparan con moito coidado… e con moito corazón.
O alumnado do Club de Lectura está a traballar con gran esmero na preparación de contacontos dirixidos aos máis pequenos e pequenas do centro: Educación Infantil e 1º ciclo de Primaria.

Están a escoller os contos, ensaiar as lecturas, pensar como contar mellor as historias e poñerlles emoción para que cada sesión sexa un momento especial. 


Todo este traballo verá a luz moi pronto, xa que os contacontos serán lidos dentro dos Plans Lectores, convertendo as aulas en auténticos recunchos máxicos cheos de palabras, imaxinación e soños.

Adxuntamos o calendario coas datas nas que se levarán a cabo os contacontos, para que todos e todas poidamos estar atentos a esta actividade tan especial.

luns, 26 de xaneiro de 2026

O CLUB DE LECTURA ESTREA A RADIO SABICHÓN CON RELATOS DE MEDO!

 Nestas últimas sesións do club de lectura, fomos á Radio Sabichón do cole para vivir unha experiencia moi especial. Despois de ler o libro Relatos de pantasmas, traballamos en grupo para crear os nosos propios relatos de medo. Cada grupo inventou unha historia chea de misterio, suspense e imaxinación.


Cando tivemos os relatos preparados, fomos á radio para gravalos. Alí aprendemos como funciona unha emisora, usamos os micrófonos e sentimos o que é falar na radio de verdade. Foi unha actividade moi divertida e diferente, na que puidemos compartir o noso traballo cos demais e escoitar as historias dos compañeiros.

Encantounos a experiencia e pasámolo xenial converténdonos por un día en auténticos locutores e contadores de historias de medo.

venres, 19 de decembro de 2025

O CLUB DE LECTURA PECHA O 2025 ENTRE PANTASMAS

 Nas últimas sesións do Club de Lectura de 2025 seguimos mergullándonos no mundo dos relatos de pantasmas en galego. O libro, composto por varios relatos curtos, achega ao alumnado á tradición do medo na nosa lingua, cun estilo accesible pero cheo de matices.

Durante estas sesións tamén puxemos especial atención ao vocabulario, xa que nos relatos aparecen moitas palabras novas. A través de xogos e actividades dinámicas fomos descubrindo o seu significado e aprendendo a empregalas correctamente, o que axuda a mellorar a comprensión lectora e a enriquecer a expresión oral e escrita.

Como actividade final, entregámoslles unhas fichas creativas para inventar relatos de medo empregando emojis de Nadal 🎄👻. A combinación do terror cos símbolos propios destas datas deu lugar a historias moi orixinais e divertidas. 

Para pechar o proxecto, o alumnado gravará os seus relatos curtos de medo na radio do centro, convertendo a lectura nunha experiencia completa que unirá literatura, creatividade e comunicación oral.

Un colofón perfecto para despedir o ano no Club de Lectura… e prepararnos para novas aventuras lectoras! 📚✨

luns, 1 de decembro de 2025

NOVAS SESIÓNS NO CLUB DE LECTURA

 A semana do 24 de novembro tivemos outra sesión moi especial do Club de Lectura, na que seguimos disfrutando cos relatos de pantasmas que tanto nos gustan.

Primeiro comentamos cales estaban sendo os nosos relatos favoritos e por que. 

Despois fixemos un pequeno Kahoot con preguntas sobre o libro. Foi moi divertido comprobar canto recordabamos e competir por ver quen sabía máis sobre os contos.

Como nos demos conta de que aparecían moitas palabras novas en galego, xogamos a un xogo de vocabulario e definicións: tiñamos que unir cada palabra coa súa definición correcta. Ao final, para asegurarnos de que o fixéramos ben, comprobámolo no libro todas xuntas.

Seguimos cos relatos de medo!!

martes, 18 de novembro de 2025

RELATOS DE PANTASMAS NO CLUB DE LECTURA

 A pasada semana tivemos as dúas sesións do Club de Lectura con 5º e 6º, concretamente os días 3 e 10 de novembro. Tiñamos moitas ganas de comezar… ¡e non nos defraudaron!

Nestes encontros lemos e comentamos os dous primeiros relatos do libro. As historias déronlle moito que falar ao alumnado: algúns momentos fixéronlles rir, outros sorprendéronos… e tamén houbo quen confesou que pasou un pouco de medo nalgún anaco. 

Para pechar a sesión, preparamos un Kahoot con preguntas sobre os relatos. Pasámolo en grande! Concentración, risas, competición sá e moitas ganas de acertar.

 Seguiremos lendo, comentando e desfrutando das historias nas próximas semanas.

O Club de Lectura xa está en marcha! 📚✨

venres, 24 de outubro de 2025

O NOSO CLUB DE LECTURA COMEZA!

 O Club de Lectura da biblioteca xa está en marcha, e este trimestre comezamos cun libro moi axeitado para estas datas de Samaín: Relatos de Pantasmas de Steven Zorn. Unha escolma de contos de medo cheos de misterio, fantasmas e sustos… pero tamén moita diversión!

Para motivar ao grupo e espertar a curiosidade, organizamos un xogo de pistas dentro da biblioteca. As pistas íannos levando a recoñecer o libro: algunha imaxe de  partes do libro e o símbolo da marca de Samaín no lombo do libro, servían para recoñecer que se trataba dunha historia de medo.

A medida que avanzaban, os participantes tiñan que empregar o tejuelo (a etiqueta do lombo do libro) para localizar o exemplar correcto nos andeis da biblioteca. Foi unha forma moi divertida de aprender a orientarse entre os libros e de coñecer mellor como funciona a clasificación da biblioteca! 📖🔍

Unha vez atopado o libro, fixemos unha lectura conxunta da presentación, falamos sobre o autor e o tipo de relatos que imos atopar… e deixamos marcada a tarefa para a próxima sesión: ler os dous primeiros capítulos.



O misterio está servido… 👻

Agora só queda mergullarse na lectura e descubrir que pantasmas nos agardan entre as páxinas!

domingo, 12 de outubro de 2025

COMEZAMOS O CLUB DE LECTURA!

Esta semana tivemos a primeira sesión do Club de Lectura do curso 25/26 e pasámolo xenial.  Para celebrar o comezo, cada participante recibiu un pequeno agasallo: un lapis! ✏️✨

Nesta primeira xuntanza comezamos deseñando o logo do club e inventando o seu nome, para que sexa algo moi noso e especial. Tivemos moitas ideas divertidas e creativas! 💡📖

Xuntaremonos unha vez cada dúas semanas, para ler, facer actividades, sorpresas, preparar contacontos...quen sabe o que nos vai deparar a lectura!

Isto só é o comezo dunha gran aventura lectora! 🚀 Que faremos nas vindeiras sesións?


martes, 23 de setembro de 2025

¡O CLUB DE LECTURA XA CHEGA! 📚

Atención, lectores e lectoras de 5º e 6º: temos unha noticia fantástica para vós!



Este curso, o Club de Lectura abre as súas portas o 6 de outubro para que poidamos compartir historias, aventuras e moitas risas e aprendizaxes. 😄✨

Reuniremonos os luns e venres, para pasar un rato superdivertido lendo libros, comentándoos e descubrindo moitas cousas novas. Será unha ocasión perfecta para facer amigos e viaxar con cada páxina.

Se che gusta ler e compartir, non podes faltar!

Unha aventura que comeza moi pronto e que está pensada para vós, lectores de 5º e 6º.

¡Vémonos os luns e venres para encher de historias o noso cole! 📖🌟

luns, 26 de maio de 2025

FINALIZAMOS O CLUB DE LECTURA 2024/25

 Na última sesión do Club de Lectura do CEIP As Bizocas, despedímonos deste curso cun encontro moi especial cheo de reflexións, sorrisos e sorpresas.




Comezamos facendo unha avaliación conxunta, onde o noso alumnado compartiu o que máis lles gustou ao longo das sesións, o que menos, que actividades repetirían e cales non... Foi un momento moi enriquecedor no que cada quen puido expresarse libremente, axudándonos así a mellorar e a seguir medrando como club.

Despois, chegou un dos momentos máis agardados: a entrega de diplomas! Recoñecemos así o entusiasmo, o compromiso e a participación activa de todos os nenos e nenas que formaron parte desta aventura lectora.

E como colofón final, houbo regaliños para todas e todos: un imán con lenzo para pintar e unhas acuarelas para darlle cor á imaxinación. Un detalle artístico para que sigan creando tamén fóra das páxinas dos libros.

Grazas a todo o alumnado participante por facer do Club de Lectura un espazo tan especial. Vémonos no vindeiro curso con novas lecturas, máis aventuras e moita ilusión! 📚💫