xoves, 26 de marzo de 2026

PODCAST SABICHÓN - UN POUCO DE AIRE FRESCO E NATUREZA

 Nova entrega do Podcast Sabichón: Viaxe á natureza con Dolo

O noso Podcast Sabichón non para! Despois da estrea, o alumnado de 5º de Educación Primaria volveu poñerse diante dos microfónos para charlar cunha persoa moi especial: Dolo, mestra de Educación Infantil.



Un reencontro cheo de recordos

As nosas entrevistadoras recordaron con moito agarimo a súa etapa en Infantil, cando Dolo lles descubriu un mundo fascinante que aínda non esqueceron: o mundo dos insectos e a natureza.

Grazas a eses recordos, a entrevista derivou cara ao medio ambiente e a importancia de coidar os pequenos seres que habitan o noso patio e a nosa contorna. Dolo contounos varias curiosidades e anécdotas.

O reto final: Animais e adiviñas

Pero non todo foi poñerse sentimentais! Para rematar a visita, as rapazas e rapaces de 5º prepararon unha batería de preguntas e adiviñas sobre animais.

  • Sería Dolo quen de adiviñar todos os animais que lle propuxeron?

  • Quen sabe máis sobre a fauna do noso arredor?

Non te perdas este episodio tan "natural"! Podes escoitalo aquí mesmo:

https://drive.google.com/file/d/1hazqlEIXFbpPjU7Dyef-eLnEjp2WfdlY/view?usp=sharing

mércores, 25 de marzo de 2026

RECOMENDACIÓNS LECTORAS DO 2º TRIMESTRE

 Como cada trimestre, o equipo de biblioteca prepara unha selección de recomendacións lectoras para seguir desfrutando dos libros dentro e fóra da aula.  Aquí vos deixamos as do segundo trimestre, con propostas para todas as idades… e tamén para as familias!

Achéganse as vacacións do segundo trimestre e é un momento perfecto para escoller unha boa lectura. Un libro sempre é unha gran opción: entretén, fai voar a imaxinación e acompáñanos en calquera lugar.

Podedes atopar todos estes títulos en calquera libraría, pero animámosvos especialmente a apostar polo comercio local e optar pola libraría de proximidade do Grove. 



Agardamos que atopedes unha historia que vos enganche. 


Boas lecturas e felices vacacións! 


martes, 24 de marzo de 2026

CONTACONTOS FAMILIARES EN ED.INFANTIL: NAOMI

Este luns tivemos unha visita moi especial no cole 💫

Kenia, a mamá de Naomi, veu compartir con nós un momento máxico arredor dos contos. Xuntos viaxamos ata o espazo coa historia de “A que sabe a lúa?”, conectando co noso PDI e deixando voar a imaxinación 🌙✨

Pero tamén fixemos unha parada moi importante no noso universo interior co conto “Aldo patitas cortas”, que nos falou da diversidade, do valor de cada un e do importante que é querernos tal e como somos 💛

Grazas, Kenia, por regalarnos este anaco de tempo tan especial e cheo de aprendizaxes. Encántanos seguir medrando así, entre historias e emocións.






luns, 23 de marzo de 2026

CLUB DE LECTURA: WOMBO COMBO TRANSFÓRMANOS EN STREAMERS

Wombo Combo: A voz de Loirus Rex no noso Club de Lectura

No noso Club de Lectura, as páxinas saltan dos libros ás pantallas. Esta semana, inspirados pola lectura de Wombo Combo de Paula Carballeira, enfrontamos o emocionante "Reto de Loirus Rex".

Os participantes convertéronse en auténticos streamers por un día. O desafío? Facer un cásting de comentaristas narrando partidas de videoxogos sen son, poñendo a proba a súa rapidez, enerxía e creatividade oral.

Demostramos así, que a literatura e o mundo dos videoxogos falan a mesma linguaxe.





venres, 13 de marzo de 2026

DO COSMOS AOS TITULARES: O 8M NA NOSA BIBLIOTECA

Con motivo da Semana da Prensa, no cole realizamos diferentes actividades para achegar o alumnado ao mundo dos xornais e da información, sempre conectándoo co noso proxecto deste curso sobre o universo.

Durante estes días, o alumnado participou traendo recortes de prensa relacionados coa muller: noticias sobre científicas, deportistas, artistas ou mulleres que destacan en diferentes ámbitos. Con todos estes recortes elaboramos un mural chulísimo, no que fomos colocando as noticias e comentando o que contaban.

Queremos tamén agradecer ás familias a súa colaboración, axudando a buscar e traer estes recortes de prensa, xa que grazas á súa participación foi posible crear este mural tan especial. 💜

Ademais, durante a súa hora semanal de biblioteca, cada curso participou nos Xogos do xornal, unha serie de actividades preparadas polo equipo de biblioteca. O alumnado puido resolver sopas de letras con palabras como planeta, galaxia ou astronauta, completar crucigramas con termos do universo e descubrir significados de palabras relacionadas co espazo.

As actividades estaban adaptadas a diferentes niveis segundo os ciclos, para que todo o alumnado puidese participar: os máis pequenos traballaron con palabras máis sinxelas e apoio visual, mentres que os maiores tiveron retos algo máis complexos.

Deste xeito, combinamos prensa, lectura e xogos de palabras para seguir aprendendo sobre o universo dun xeito divertido e participativo. 



xoves, 12 de marzo de 2026

DESPEGAMOS CARA O ESPAZO...SEN SAÍR DO COLE!

 Seguindo coa nosa investigación sobre o espazo, dentro do PDI deste curso, este xoves tivemos unha visita moi especial no cole: un planetario!


Ao longo da mañá fomos entrando por grupos e, unha vez dentro, preparámonos para unha auténtica viaxe espacial. Desde o noso “cohete” na Terra… despegamos rumbo ao espazo! 

Durante a viaxe puidemos observar a Lúa, o Sol, diferentes estrelas e os demais planetas do Sistema Solar. Tamén aprendemos algunhas curiosidades sobre eles e descubrimos cousas moi interesantes sobre o universo que nos rodea.

Pero non só falamos do espazo… tamén nos lembraron algo moi importante: a necesidade de coidar o noso planeta, porque a Terra é o noso fogar no universo.

Foi unha viaxe incrible que nos encantou e coa que seguimos aprendendo e investigando sobre o espazo dun xeito moi divertido.

✨ Sen dúbida, unha experiencia… de outro planeta!

A BIBLIOTECA SEGUE APRENDENDO: PRESENTES NAS XORNADAS PLAMBE

 A coordinadora da biblioteca do noso centro asistiu recentemente ás Xornadas PLAMBE, celebradas no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia.

Este encontro reúne cada ano ao profesorado responsable das bibliotecas escolares de Galicia que participa no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE).

Durante a xornada compartíronse experiencias de distintos centros educativos, propostas de dinamización da lectura e iniciativas relacionadas coa comunicación, a alfabetización mediática e o uso da biblioteca como espazo de aprendizaxe. 

Estes encontros son unha excelente oportunidade para aprender, intercambiar ideas e seguir mellorando o traballo que se realiza nas bibliotecas escolares.

Seguimos aprendendo para que a biblioteca do cole siga sendo un lugar especial para todo o alumnado!

luns, 9 de marzo de 2026

UN UNIVERSO DE MULLERES: CONMEMORAMOS O 8M

 Este ano, para conmemorar o 8 de marzo, o noso alumnado participou nunha pequena manifestación por todo o colexio, portando lemas que lembraban a importancia do respecto e da igualdade. 

Foi emocionante ver como cada recuncho do centro se encheu de mensaxes de apoio ás mulleres e á igualdade de xénero.

Ao rematar a manifestación, unha nena de cada curso de 3º, 4º, 5º e 6º tomou a radio do colexio para facer unha locución en directo sobre o 8M. 

Nela explicaron as cancións que se elixiron este mes para homenaxear ás mulleres: "Ni una más" de AitanaTanxugueiras Fillas de Cassandra. Tamén presentaron os lemas que cada curso inventou para promover o respecto e a igualdade nas escaleiras e en todo o colexio.


Ademais, pedimos a colaboración das familias para traer recortes da prensa sobre mulleres relevantes. Con eles, montamos un mural moi chulo no corredor, que agora podemos visitar e aprender máis sobre diferentes mulleres e os seus logros.

 Moitas grazas familias pola colaboración!

Foi un día moi especial, no que todos e todas participamos para visibilizar a importancia da igualdade e do respecto cara ás mulleres, aprendendo e disfrutando xuntos.

LEMOS TEATRO NO CLUB DE LECTURA

 No Club de Lectura seguimos descubrindo novas historias e xéneros literarios. Nesta ocasión tócalle a quenda ao teatro.

O alumnado de 5º  E 6º 
de Educación Primaria escolleu ler, entre 3 libros de teatro, Wombo Combo, da autora Paula Carballeira. 

Con esta lectura, o alumnado do club está a achegarse ao teatro dun xeito diferente: lendo os diálogos, interpretando os personaxes e imaxinando como sería levar estas historias ao escenario. 

Sen dúbida, unha experiencia lectora distinta e moi divertida.

venres, 6 de marzo de 2026

O CLUB DE LECTURA CONVERTEUSE EN CONTACONTOS

 Estas semanas o alumnado do Club de Lectura converteuse en auténtico equipo de contacontos para compartir historias co alumnado de Educación Infantil e do 1º ciclo de Primaria.

Durante varios días prepararon con moita ilusión diferentes contos, buscando a mellor maneira de facelos chegar aos máis pequen@s. Cada grupo pensou unha forma distinta de narrar a súa historia: houbo marionetascontos cantados, interpretacións cheas de expresividade e mesmo un rap para contar un dos libros. O resultado foi unha actividade chea de creatividade, risas e moita participación.

Os contos preparados foron os seguintes:

5º de Primaria

  • Rap do coello Fedello – Aaron, Martín e Yago

  • Dinosaurio Belisario – Aleix e Yerai


  • Grisela – Zaira, Rocío e Gisela

6º de Primaria

  • Pero que terá Tomasa? – Noa, Valeria e Zoe

  • Ladrón de flores – Valentina, Uxía e Marta

  • Que vivan as uñas de cores – Sabela e Iria

  • Aquí non se rima – Eloy, Julia e Sofía

Foi unha experiencia moi especial na que o alumnado maior puido compartir a súa paixón pola lectura, ao tempo que os máis pequenos gozaron de historias cheas de imaxinación.

Sen dúbida, actividades como esta demostran que ler tamén é unha forma marabillosa de xogar, crear e aprender xuntos.

luns, 2 de marzo de 2026

COMEMORACIÓN 23 DE FEBREIRO ROSALÍA DE CASTRO

 Unha homenaxe con moito sentimento no Día de Rosalía 

 O alumnado de 5º de Primaria celebrou con moito entusiasmo o Día de Rosalía de Castro, unha xornada dedicada a honrar á figura máis senlleira das nosas letras. 

Comezamos a mañá mergullándonos na profundidade de Follas Novas, analizando e recitando o poema "Unha vez tiven un cravo". Foi unha experiencia moi enriquecedora na que os rapaces e rapazas puideron reflexionar sobre os sentimentos que a poeta expresaba, descubrindo que a súa mensaxe segue viva e moi próxima a todos nós a pesar do paso do tempo. 

A creatividade continuou da man do programa Prensa-Escuela, no que unimos a actualidade dos xornais coa tradición literaria. Nesta actividade, o alumnado utilizou recortes de prensa para reconstruír os versos do emblemático poema "Negra sombra"

 

Para poñer o broche de ouro a este día tan especial, reunímonos para ver o vídeo conxunto realizado por todos os centros educativos do Grove. Foi emocionante vernos integrados nunha homenaxe colectiva, compartindo a nosa lingua e o noso orgullo cos demais compañeiros e compañeiras da localidade.