xoves, 30 de abril de 2026

TEATRO POLO DÍA DO LIBRO NO AUDITORIO DO GROVE

O pasado xoves 23 de abril, con motivo do Día do Libro, o noso alumnado asistiu no auditorio do Grove ao espectáculo “Carapuchiña Vermella” da compañía Pedras de Cartón… e foi todo un éxito! 🎭✨

A obra sorprendeunos desde o primeiro momento cunha proposta moi orixinal: dous panadeiros nunha vella panadaría que, sen esperalo, comezan a xogar cos contos clásicos que todos coñecemos. Ao longo da función foron aparecendo historias como Os tres porquiños, Brancaneves, O parrulo feo ou Pinocho, ata chegar a unha divertida versión de Carapuchiña Vermella.

O alumnado de 6º de EI, 1º e 2º de EP gozou moitísimo coa posta en escena, chea de imaxinación, humor e pequenos detalles que facían da historia algo diferente e moi especial.

Foi unha experiencia moi positiva, na que riron, participaron e deixaron voar a súa imaxinación.

VISITAMOS RADIO PONTEVEDRA VIVA

Xornada de radio e aprendizaxe: Visita a Pontevedra Viva

O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria viviu este mércores unha experiencia radiofónica incrible. Visitamos as instalacións do estudio de radio de Pontevedra Viva, onde os nosos nenos e nenas puideron coñecer de primeira man o funcionamento dun medio de comunicación e todas as posibilidades que ofrece o xornalismo radiofónico.

  


Para asegurar que todos puidesen participar activamente e aproveitar ao máximo a experiencia, a visita dividiuse en dúas quendas segundo os niveis educativos:

  • 3º e 4º de Educación Primaria: Un primeiro grupo que descubriu as técnicas da radio e iniciouse na fala ante o micrófono.

  • 5º e 6º de Educación Primaria: Un segundo grupo que afondou nas posibilidades do xornalismo e na estrutura dun programa de radio.

A dinámica: Protagonistas do noso propio podcast

Ambas as quendas xiraron arredor dunha mesma e emocionante dinámica: crear un podcast en formato tertulia, convertendo ao noso alumnado nos auténticos tertulianos e protagonistas do programa.


🚀 De que falamos nos nosos podcasts?

A conversación nos estudos de Pontevedra Viva foi fluída, participativa e moi variada. Os temas principais que se trataron durante a gravación foron:

  • O Espazo e o Universo: Aproveitando que esta é a temática central do noso PDI (Proxecto Documental Integrado) deste curso, os nenos e nenas compartiron os seus coñecementos, curiosidades e teorías sobre o cosmos.

  • Os nosos proxectos no cole: Falamos sobre as actividades de radio que xa facemos no noso propio centro escolar.

  • As Letras Galegas e a lectura: Fixemos un apartado moi especial para falar da nosa lingua, da importancia das Letras Galegas e do seu propio interese e gusto pola lectura.

Foi unha oportunidade magnífica para que o noso alumnado se sentise coma auténticos xornalistas por un día, perdendo o medo ao micrófono e expresando as súas ideas con total naturalidade.

Grazas a Pontevedra Viva por abrirnos as súas portas e facer posible esta experiencia tan enriquecedora e motivadora para os nosos estudantes!



luns, 27 de abril de 2026

SEMANA DO LIBRO ENTRE ESTRELAS

 Polo Día do Libro no cole puxémonos creativos e… viaxamos moi lonxe sen saír do sitio! 🚀📚

Creamos un mural moi especial co lema “Para viaxar lonxe non hai mellor nave que un libro”, seguindo co noso proxecto do espazo PDI Bizocas en órbita. Cada neno e nena aportou a súa pequena gran contribución escribindo nunha estrela información sobre algún dos seus libros favoritos: autor/a, ilustrador/a, título, editorial e tamén a súa CDU.

Pouco a pouco, fomos enchendo o noso ceo de estrelas lectoras, construíndo entre todos unha galaxia chea de historias, aventuras e coñecemento. Unha forma diferente, divertida e moi nosa de celebrar o poder dos libros e todo o que nos fan descubrir.

Seguimos viaxando… quen sabe ata onde chegaremos! 





xoves, 23 de abril de 2026

"AS FAMILIAS TAMÉN CONTAN" NOVO RECUNCHO DE PRÉSTAMO DE LIBROS PARA AS FAMILIAS

Polo Día do Libro puxemos en marcha unha iniciativa que nos fai moita ilusión: inauguramos un novo recuncho de biblioteca pensado especialmente para as familias, cun servizo de préstamo de libros para elas. 



Poderedes atopalo na entrada do cole!

Non hai mellor data ca esta, coincidindo co Día do Libro, para dar este paso tan importante.

 Neste caso, falamos de libros que axudan a comprender mellor o desenvolvemento do alumnado, ofrecen recursos para o día a día e invitan a reflexionar sobre a crianza e o acompañamento educativo. Porque cando as familias tamén len e se forman, o impacto na educación do alumnado é moito máis rico e significativo.

E… como funciona este novo recuncho? Moi doado!

👉 As familias poden crear o seu propio carné de biblioteca contactando coa coordinadora de biblioteca ou coas titoras.
👉 Unha vez teñan o carné, xa poden levar libros en préstamo para a casa durante 15 días.
👉 Desfrutar da lectura en familia… e repetir! 😊

Ademais, encantaríanos contar coa vosa participación: tamén podedes facer suxerencias de libros que vos gustaría atopar neste espazo. Así, pouco a pouco, iremos creando unha biblioteca viva e adaptada aos vosos intereses.

Animámosvos a achegarvos, descubrir este novo recuncho e aproveitar esta oportunidade. Porque acompañar a educación dos vosos fillos e fillas tamén pasa por seguir aprendendo! 

mércores, 22 de abril de 2026

O CLUB DE LECTURA SAE DE EXCURSIÓN XUNTO CO CLUB DE LECTURA DO VALLE INCLÁN

 O alumnado do CEIP As Bizocas participante no club de lectura viviu unha xornada inesquecible xunto co alumnado do club de lectura do CEIP Valle-Inclán. Despois de ler Wombo Combo de Paula Carballeira, puxémonos en marcha para facer unha saída moi especial relacionada co teatro.

 

A nosa primeira parada foi o Centro Dramático Galego, en Santiago de Compostela. Este centro é a compañía pública de teatro de Galicia, encargada de producir e difundir espectáculos en galego, apostando pola nosa lingua e cultura. Alí tivemos a sorte de que nos recibira Francisco, a quen lle queremos agradecer enormemente a súa atención e a oportunidade de coñecer este espazo tan especial. 

MOITAS GRAZAS A TODO O PERSOAL POR RECIBIRNOS TAN BEN!

 

Durante a visita, puidemos ver o teatro por dentro e descubrir todo o que hai detrás do escenario: o entramado técnico, os espazos ocultos… e incluso subimos polas escaleiras traseiras ata o alto do teatro! Foi toda unha experiencia que nos fixo entender mellor como cobra vida unha obra teatral.

Despois, xa que estabamos en Santiago, aproveitamos para facer un percorrido por algúns dos seus lugares máis emblemáticos: a Praza do Obradoiro, coa impresionante Catedral de Santiago de Compostela, a Praza de Cervantes e a Praza do Toural, entre outros. Fixémolo dun xeito moi divertido: en pequenos grupos mesturados entre alumnado do Valle-Inclán e das Bizocas, cun pequeno mapa no que iamos tachando os lugares polos que pasabamos.

Para repoñer forzas, comemos na Alameda de Santiago, desfrutando dun momento de descanso ao aire libre, e puxemos o broche final á xornada cun merecido xeado 🍦.

En resumo… pasámolo xenial! Un día cheo de aprendizaxe, convivencia e moita diversión que, sen dúbida, repetiriamos sen pensalo dúas veces.

luns, 20 de abril de 2026

CONTACONTOS FAMILIARES EN ED.INFANTIL: INOA

 O pasado venres tivemos unha visita moi especial na aula. Veu Vanessa, a mamá de Inoa, para compartir con nós un momento cheo de emocións e aprendizaxes a través dos contos.

Vanessa presentounos dúas historias moi significativas: “Leo, el niño de los superpoderes invisibles” e “Alma”. A través destes relatos puidemos reflexionar sobre a importancia de valorar as distintas capacidades de cada persoa, entendendo que todos e todas temos algo único que nos fai especiais. Ademais, destacouse o papel fundamental das persoas que nos queren e nos acompañan no noso camiño, axudándonos a medrar e a crer en nós mesmos.

A visita tivo tamén un acompañamento moi especial: veu con ela o irmán pequeno de Inoa, que nos regalou momentos de tenrura e alegría.

Para rematar, Vanessa sorprendeunos cun fermoso detalle: uns corazóns cos nosos nomes escritos en braille e feitos con pintura que ilumina na escuridade. Un agasallo cargado de simbolismo que nos invita a lembrar que todos e todas levamos unha luz dentro… e que nunca debemos esquecer sacala para brillar.

Grazas, Vanessa, por esta experiencia tan bonita e enriquecedora!





martes, 14 de abril de 2026

O PASAPORTE LECTOR DO TERCEIRO TRIMESTRE XA ESTÁ EN MARCHA!

 Gústache ler? Entón esta proposta é para ti!

No noso cole xa puxemos en marcha o Pasaporte Lector do terceiro trimestre, unha iniciativa pensada para animarvos a descubrir novas historias e gozar da lectura.

Participar é moi doado:
👉 Cada vez que remates un libro, cobre un pasaporte lector e entrégao no Buzón Sabichón da biblioteca.

Podes presentar pasaportes tanto de libros emprestados na biblioteca do cole como de libros que leas pola túa conta. Todas as lecturas contan!


Ademais, o alumnado que entregue máis e mellores pasaportes lectores será recoñecido… así que xa sabes:
📖 canto máis leas, máis oportunidades terás!

 Data límite de entrega: 29 de maio
Non o deixes para o último día!

Ler abre portas a mundos novos…
✨ Anímate a participar, goza da lectura e deixa o teu pasaporte no buzón!

luns, 13 de abril de 2026

UN CONTACONTOS DOUTRO PLANETA

O pasado venres tivemos no cole unha visita moi especial: o grupo de teatro Trémola achegouse cun contacontos enmarcado no noso proxecto PDI Bizocas en órbita.

A historia contábanos a aventura dunha nena que soñaba con viaxar ao espazo e que, para conseguilo, decidiu adoptar unha estrela. Coa axuda e participación dos nenos e nenas, foi superando retos e achegándose pouco a pouco ao seu obxectivo. A través desta viaxe, tamén fomos coñecendo a historia de mulleres que abriron camiño no mundo da exploración espacial, como Valentina Tereshkova, converténdose en verdadeiras mulleres referentes.

Foi unha experiencia moi bonita, chea de imaxinación, participación e ilusión

venres, 10 de abril de 2026

SONORIZAMOS A "LÚA" EN MÚSICA E DANZA

 No marco do proxecto de centro Bizocas en órbita, o alumnado de 4º de Educación Primaria, na área de Música e Danza, mergullouse nunha experiencia moi especial: a preparación do conto cantado e musicado Lua, da colección Do berce á lúa de Kalandraka.

Ao longo de varias sesións, o alumnado traballou a interpretación musical e vocal, acompañando a historia con instrumentos Orff como carillóns, metalófonos, xilófonos e pequena percusión. O resultado foi unha proposta chea de ritmo, sensibilidade e ilusión.

O mellor de todo chegou cando tiveron a oportunidade de compartilo co alumnado de Educación Infantil. Foi un momento moi especial no que maiores e pequenos gozaron xuntos da música e do conto. Pasárono xenial cantando, tocando e deixando voar a imaxinación.

A continuación, deixámosvos o vídeo da súa actuación para que poidades desfrutar desta fermosa experiencia tanto como nós.

xoves, 9 de abril de 2026

PREMIADO DO SEGUNDO TRIMESTRE NO PASAPORTE LECTOR!

 O pasaporte lector segue dando grandes alegrías na nosa biblioteca.

Neste segundo trimestre xa temos gañador, Noah Sisto, converteuse no alumno que máis leu durante estes meses. Noraboa, Noah! 👏 Sen dúbida, un exemplo de constancia e amor polos libros.

As nosas voluntarias foron as encargadas de facer a entrega do premio, acompañada do seu diploma e dun pequeno agasallo como recoñecemento polo seu esforzo lector.

E isto non remata aquí! 

Animamos a todo o alumnado a seguir participando, porque o pasaporte lector continúa no terceiro trimestre. Aínda estades a tempo de convertervos nos próximos protagonistas!





mércores, 8 de abril de 2026

RITMO COR E TECNOLOXÍA

 🎶 Ritmo, cor e tecnoloxía: O alumnado de 4º e 5º convértese en DJ por un día

Hoxe o noso colexio encheuse de sons innovadores e moita creatividade. Tivemos a sorte de contar coa visita de Didier Díaz Madan, director e docente do colectivo Ecopercusión, que veu impartir un obradoiro moi especial onde a música e a tecnoloxía foron da man.

Nesta ocasión, os rapaces e rapazas de 4º e 5º de Educación Primaria e as súas familias 
aparcaron por un momento os instrumentos convencionais para mergullarse no mundo da produción dixital coñecendo de preto o Launchpad de Novation.

🎹 Que é o Launchpad?

Para os que non o coñezades, o Launchpad é un controlador formado por unha cuadrícula de 64 botóns retroiluminados. Cada un destes botóns funciona como un "disparador" de clips musicais, efectos ou ritmos dentro do programa Ableton Live.


🎧 Mans á obra (ou aos botóns!)

Durante a sesión, o alumnado non só escoitou, senón que creou. Baixo a experta guía de Didier, os nosos "novos produtores" aprenderon a:

  • Facer mesturas en directo: Combinando diferentes bases rítmicas e melodías.

  • Xogar cos cambios de ritmo: Entendendo como a velocidade pode transformar un son.

  • Engadir efectos de son: Dándolle ese toque profesional e persoal ás súas creacións.

  • Coordinación visual e auditiva: Xestionando a cuadrícula de cores para lanzar os sons no momento xusto.

Grazas, Didier!

Dende o CEIP As Bizocas queremos agradecerlle a Didier Díaz Madan a súa paciencia e esa enerxía tan contaxiosa. Grazas por amosarnos que a música non ten límites e que, con ferramentas tecnolóxicas, a nosa capacidade de crear é infinita. 

Tamén agradecemos ás familias a vosa participación! Con vós as actividades son moito máis significativas!

Deixámosvos unhas fotos da xornada para que vexades o concentrados (e divertidos) que estiveron!




martes, 7 de abril de 2026

PODCAST SABICHÓN - A REMAR!

Nova entrega do Podcast Sabichón: Remando con forza con Lucía

O noso Podcast Sabichón segue a todo ritmo e esta vez cámbiase ao deporte acuático! O alumnado de 5º de Educación Primaria volveu poñerse aos mandos dos micrófonos para entrevistar a unha mestra que, ademais de ensinar en Infantil, sabe moi ben o que é o esforzo e o traballo en equipo: Lucía.


Unha vida ligada á auga e ao remo

Sabías que Lucía leva practicando remo desde os 10 anos

Durante a charla, Lucía contounos como foron os seus inicios no remo, as horas de adestramento no mar e a disciplina necesaria para coordinarse coas súas compañeiras/os de embarcación. Aprendemos que o remo non é só forza nos brazos, senón moita resistencia, concentración e, sobre todo, compañeirismo.

Entre remos e clases

A entrevista derivou cara á paixón polo deporte e como Lucía foi capaz de compaxinar a súa vida como deportista coa súa vocación de mestra. Explicounos o que sente cando está no medio do mar, pondo en valor o esforzo e a disciplina.

O reto final: O desafío do "Ranking de deportes"

Pero non todo foi falar de remo! Para rematar a visita, as rapazas e rapaces de 5º prepararon un pequeno reto para Lucía. O reto consistía en que Lucía ordenase 10 deportes segundo os que lle gustaban máis ou menos.

Non te perdas este episodio tan "atlético" e mariñeiro! Podes escoitalo aquí mesmo: 

https://drive.google.com/file/d/1NRf2x1Rv6xmwDAS_6LgYrYG3CeNxL1_P/view?usp=sharing