O alumnado do CEIP As Bizocas participante no club de lectura viviu unha xornada inesquecible xunto co alumnado do club de lectura do CEIP Valle-Inclán. Despois de ler Wombo Combo de Paula Carballeira, puxémonos en marcha para facer unha saída moi especial relacionada co teatro.
A nosa primeira parada foi o Centro Dramático Galego, en Santiago de Compostela. Este centro é a compañía pública de teatro de Galicia, encargada de producir e difundir espectáculos en galego, apostando pola nosa lingua e cultura. Alí tivemos a sorte de que nos recibira Francisco, a quen lle queremos agradecer enormemente a súa atención e a oportunidade de coñecer este espazo tan especial.
MOITAS GRAZAS A TODO O PERSOAL POR RECIBIRNOS TAN BEN!
Durante a visita, puidemos ver o teatro por dentro e descubrir todo o que hai detrás do escenario: o entramado técnico, os espazos ocultos… e incluso subimos polas escaleiras traseiras ata o alto do teatro! Foi toda unha experiencia que nos fixo entender mellor como cobra vida unha obra teatral.
Despois, xa que estabamos en Santiago, aproveitamos para facer un percorrido por algúns dos seus lugares máis emblemáticos: a Praza do Obradoiro, coa impresionante Catedral de Santiago de Compostela, a Praza de Cervantes e a Praza do Toural, entre outros. Fixémolo dun xeito moi divertido: en pequenos grupos mesturados entre alumnado do Valle-Inclán e das Bizocas, cun pequeno mapa no que iamos tachando os lugares polos que pasabamos.
Para repoñer forzas, comemos na Alameda de Santiago, desfrutando dun momento de descanso ao aire libre, e puxemos o broche final á xornada cun merecido xeado 🍦.
En resumo… pasámolo xenial! Un día cheo de aprendizaxe, convivencia e moita diversión que, sen dúbida, repetiriamos sen pensalo dúas veces.
Ningún comentario:
Publicar un comentario