xoves, 25 de xuño de 2026

UN NOVO ESPAZO PARA O BENESTAR NO COLE: BIZOCALMA

 No cole acabamos de estrear un espazo moi especial na aula de Orientación, que tamén é a nosa aula de convivencia. Chámase Bizocalma e nace ligado á biblioteca e ao PDI Bizocas en Órbita. Pero, sobre todo, nace pensando no máis importante: o benestar do alumnado.

Bizocalma é un lugar para facer unha pausa cando a necesitamos, para coñecernos mellor por dentro e aprender a manexar as emocións con calma. É un espazo pensado para relaxarnos, respirar e atopar ese momento de tranquilidade que ás veces precisamos durante o día.

Conta con diferentes recunchos e materiais que axudan a estar mellor: mandalas para colorear, slime, debuxos, unha pequena biblioteca de aula con libros sobre emocións, peluches e unha zona con alfombra e coxíns onde podemos simplemente descansar e desconectar un intre.

Este espazo é importante porque nos axuda a coidarnos, a entender como nos sentimos e a resolver conflitos dun xeito máis tranquilo e respectuoso. Porque aprender tamén é isto: saber parar, escoitarse e coidar o benestar propio e o dos demais.

E o mellor de todo é que Bizocalma é un espazo creado entre todas e todos. O gran arco da vella que o decora é un exemplo perfecto disto: cada curso pintou unha parte e deu forma a unha obra común chea de cor e significado. As emocións están representadas nel, como no propio arco da vella: moitas cores diferentes que, xuntas, forman algo fermoso e equilibrado.

A creación de Bizocalma está tamén estreitamente relacionada co noso PDI Bizocas en Órbita. Ao longo deste proxecto viaxamos polo espazo exterior para descubrir planetas, estrelas e galaxias, pero tamén aprendemos que existe outro universo igual de fascinante: o que levamos dentro de nós. 


Neste proceso participou practicamente todo o centro. Queremos agradecer a todo o profesorado e alumnado por achegar ideas e participar da creación desta aula, facendo  unha mención especial a María, que dirixiu con moito coidado a elaboración das letras coa plotter; a Luís, o conserxe, sempre disposto a axudar, pintar e facer todos os arranxos necesarios; a Sandra, que tamén participou no debuxo do proxecto; a Ana e Anxos, que dirixiron a actividade achegando ideas e orientacións moi valiosas; a Pilar, pola súa axuda constante en todo o que se precisou; e a Dolo, que coordinou e guiou toda a actividade do arco da vella, facendo posible que todas e todos participásemos.

Grazas a este traballo conxunto, Bizocalma non é só un espazo bonito, senón un espazo con alma, creado en equipo e pensado para mellorar a convivencia e o benestar de toda a comunidade educativa.

martes, 23 de xuño de 2026

RECOMENDACIÓNS LECTORAS DE VERÁN

Como cada trimestre, o equipo de biblioteca prepara unha selección de recomendacións lectoras para seguir desfrutando dos libros dentro e fóra da aula.  Aquí vos deixamos as do terceiro trimestre, con propostas para todas as idades… e tamén para as familias!

Un libro sempre é unha gran opción: entretén, fai voar a imaxinación e acompáñanos en calquera lugar.

Podedes atopar todos estes títulos en calquera libraría, pero animámosvos especialmente a apostar polo comercio local e optar pola libraría de proximidade do Grove.

 



Bo verán!! 


luns, 15 de xuño de 2026

UNHA VIAXE MUSICAL POLO UNIVERSO DE STAR WARS

Ao longo deste trimestre, o alumnado de 5º de Educación Primaria estivo a traballar con moita ilusión na interpretación da Banda Sonora de Star Wars, empregando frautas e boomwhackers na materia de Música e Danza. Esta actividade enmárcase no noso PDI "Bizocas en órbita", a través do cal seguimos descubrindo o fascinante mundo do espazo desde diferentes áreas.


Despois de moitos ensaios, aprendizaxes e traballo en equipo, hoxe, luns 15 de xuño, chegou o gran momento: compartir o resultado co resto do alumnado do centro nunha pequena representación. Os sons máis coñecidos desta saga acompañáronnos nunha actuación chea de ritmo, concentración e emoción, na que os nosos músicos e músicas demostraron todo o esforzo realizado durante estes meses.

Queremos felicitar ao alumnado de 5º polo seu compromiso e entusiasmo, e tamén agradecer ao público o seu silencio e os seus aplausos, que fixeron desta actuación un momento moi especial.


martes, 9 de xuño de 2026

A VOSA OPINIÓN CONTA..E MOITO!

 Na nosa biblioteca gústanos facer un montón de actividades, descubrir historias, investigar, crear e aprender xuntos. Pero… sabedes que é o máis importante? Coñecer a opinión do noso alumnado!

Por iso, durante estes días, todos os nenos e nenas do cole participaron nunhas enquisas moi especiais. Nelas puideron valorar as actividades da biblioteca, dicindo se lles gustaron moito, pouco ou nada, e tamén compartir as súas ideas para seguir mellorando este espazo que é de todos e todas.

Ademais, deixáronnos propostas de novos libros que lles gustaría atopar nas estanterías, suxestións para facer a biblioteca aínda máis divertida e… unha pregunta moi importante: sobre que temática lles gustaría investigar o vindeiro curso no noso PDI. Iso si, ese segredo gardarémolo un pouquiño máis… ¡xa o desvelaremos cando chegue o momento! 🤫✨

Para nós, estas enquisas son moito máis ca unhas simples preguntas. Son unha oportunidade para que o alumnado participe, dea a súa opinión e vexa que as súas ideas teñen valor. Porque unha biblioteca viva constrúese entre todos e todas.


Grazas a todos e todas por participar! Agora tócanos escoitar, tomar boa nota das vosas ideas e seguir traballando para que a nosa biblioteca sexa cada día un lugar máis especial.

luns, 8 de xuño de 2026

CONTACONTOS EN ED. INFANTIL: LUZ

 O pasado venres 28 tivemos unha visita moi especial na nosa biblioteca. Luz, a nai da profe Lucía, achegouse ao cole para compartir co noso alumnado unha fermosa sesión de contacontos.

A primeira historia foi Estelaluna, a entrañable aventura dun pequeno morcego que, tras medrar nun niño de paxaros, intenta comportarse como eles ata descubrir que o máis importante é aceptarse a un mesmo e seguir a propia esencia. A segunda foi Un pouco perdido, un divertido conto no que un pequeno mouchiño busca á súa nai coa axuda dos animais que vai atopando polo camiño, demostrando o valor da amizade e da colaboración.

Dúas historias diferentes, pero cunha mensaxe común: a importancia de ser quen somos, de respectar as diferenzas e de axudarnos uns aos outros. Entre risas, preguntas e moita participación, pasamos un anaco moi agradable gozando da maxia dos libros e das historias compartidas.

Queremos agradecerlle a Luz a súa visita e o cariño co que nos agasallou esta actividade. Agardamos volver contar con ela moi pronto para seguir descubrindo novos contos e aventuras! 💛📖

xoves, 4 de xuño de 2026

DESPEDIDA DO PODCAST SABICHÓN...ATA O VINDEIRO CURSO

 🎖️ Un recoñecemento moi especial para os nosos pequenos grandes xornalistas!

O final de curso sempre vén cargado de emocións, pero este ano quixemos facelo aínda máis especial. Despois de apagar os micrófonos e dar por rematada a última gravación do noso Podcast Sabichón, o equipo docente tiña preparada unha sorpresa para o alumnado de 5º de Educación Primaria que se comprometeu con este proxecto radiofónico.

Para agradecer o seu esforzo, a súa ilusión e as horas de traballo que dedicaron ao longo de todo este curso, fíxoselles entrega dunha carta de recoñecemento oficial polo seu gran labor como reporteiros e reporteiras.

Pero as sorpresas non remataron aí! O momento máis emocionante chegou coa entrega dun detalle moi simbólico: unha medalla/chaveiro súper especial que serve para estrear oficialmente o novo logotipo de Radio Sabichón. O máis bonito de todo é que este deseño tan identitario foi creado polas propias alumnas que participan no podcast, demostrando que o talento neste colexio non ten límites.

Queremos dar os parabéns e agradecer publicamente a Aarón, Naima, Gisela, Zaira e Rocío por ser a voz e o motor deste proxecto. Grazas por contaxiarnos a vosa curiosidade e por demostrar que, con traballo en equipo, pódense facer cousas marabillosas. 

Levades ben merecido ese recoñecemento!

Agora si, desexámosvos un moi feliz verán! ☀️🌊

PODCAST SABICHÓN - XORNALISMO CON LETICIA CASTRO

🎙️ O Podcast Sabichón pon o broche de ouro ao curso cunha convidada de luxo!

Ola a todas e a todos! A curiosidade non descansa no CEIP As Bizocas, e boa proba diso é o último episodio do curso do Podcast Sabichón. Nesta ocasión, os nosos reporteiros e reporteiras de 5º de Educación Primaria —Aarón, Naima, Gisela, Zaira e Rocío— tomaron os mandos dos micrófonos para ofrecernos unha entrevista espectacular.

Despois de contar no anterior episodio con Víctor Gallego , desta volta visitounos no estudio unha persoa que tiña o seu futuro clarísimo desde os seis anos: a xornalista Leticia Castro.

Leticia, que actualmente traballa como redactora en La Voz de Galicia e coordina a nova revista Salghadoiro, compartiu co alumnado os segredos do seu día a día. Durante a conversa, os nosos rapaces e rapazas de 5º afondaron con ela en temas fundamentais da profesión:

  • Como se realiza unha boa recollida de información.

  • A importancia crucial de contrastar os datos antes de publicar.

  • Os seus múltiples proxectos de deseño, a súa marca propia e o seu paso por Grovemakers.

Ademais, non podiamos perder a oportunidade de saber que pensa unha profesional dos medios sobre o noso traballo, e Leticia compartiu a súa valoración sobre o Podcast Sabichón, o que nos encheu de orgullo e ilusión para seguir mellorando.


Para rematar dun xeito divertido, os nosos podcasters puxeron a proba a axilidade mental da xornalista co xogo da palabra intrusa. O alumnado foille dando diferentes listas de palabras e Leticia tivo que adiviñar cal delas non pintaba nada e, o máis difícil... ¡explicar o porqué! Foi un momento cheo de risas e enxeño.

"Quedounos moi claro que se tes un soño desde a infancia, con traballo, ilusión e moita creatividade, podes facer realidade todo o que te propoñas."

Con esta entrevista tan especial poñemos o broche de ouro e o punto final aos podcasts deste curso. Queremos dar as grazas de corazón a Leticia Castro por compartir o seu tempo e a súa historia con nós , e tamén a todas as persoas que estivestes ao outro lado dos altofalantes acompañándonos en cada aventura.

Ligazón a entrevista: https://drive.google.com/file/d/1ca79V-4EMzEqtxy4WqwcqHgWHYQRlF5Z/view?usp=sharing

Agora toca gozar dun merecido descanso. Ide preparando os oídos, porque o ano que vén volveremos con moitas máis sorpresas e máis ganas de seguir aprendendo!

Feliz verán a todos os sabichóns e sabichonas! 🌊☀️

martes, 2 de xuño de 2026

FINALIZAMOS O VOLUNTARIADO DE BIBLIOTECA!

 A nosa biblioteca non sería o que é sen a axuda desas persoas tan especiais que colaboran cada semana con nós: o noso voluntariado de biblioteca.

Durante todo o curso, estiveron aí: organizando libros, preparando actividades, axudando cos préstamos, decorando espazos… e sempre cun sorriso e moitas ganas de sumar.

Foron un apoio imprescindible para que a nosa biblio siga sendo un lugar vivo, cheo de historias, lecturas e encontros. Por iso, agasallámolos cun diploma de recoñecemento á participación! Noraboa!



Seguimos construíndo este espazo lector entre todos e todas! Agardamos que para o curso que ven sigades construíndo a biblioteca entre todas vos!

luns, 1 de xuño de 2026

BIZOCAS EN ÓRBITA, EXPOSICIÓN DO PDI ÁS FAMILIAS!

 Este curso no cole estivemos a tope investigando co espazo, os planetas e galaxias, as estrelas... e toodo o relacionado co universo.



E agora... toca ensinarvos todo o que aprendemos no noso Proxecto Documental Integrado deste curso 25/26 "Bizocas en órbita"! 


👉 Faremos unha exposición do noso PDI no cole e as familias estades oficialmente convidadas!

Para iso, teredes que anotar no seguinte formulario cantas persoas van acudir de cada familia, para poder organizar todo da mellor forma posible!  Ollo: se non vos inscribides, non poderedes asistir! 

 O último día para anotarvos será o luns 8 de xuño

📍 Onde? No cole, claro!
🕒 Cando?  Mércores 17 de xuño de 11:00 a 13:30h. ⚠️ MOI IMPORTANTE SER PUNTUAIS!
👀 Que ides ver?  Pasaredes en pequenos grupos polas 5 estacións que teremos preparadas (Infantil, 1º ciclo, 2º ciclo, 5º e 6º de EP) durante 15 minutiños en cada unha, onde o alumnado de cada ciclo vos irá explicando os seus traballos ao longo do curso.  Ao rematar, teremos 30 minutos para facer libremente diferentes retos cos vosos fillos e fillas onde o pasaredes moi ben aprendendo e xogando!

Enlace para inscribirse: https://forms.gle/M6dV3V9nGicFNLRY7

💬 Traede os ollos ben abertos e moitas ganas de aprender co talento do noso alumnado.

Animádevos a asistir! As familias tamén formades parte desta aventura espacial, a vosa visita é o mellor aplauso para o noso alumnado, que puxo corazón, cor e moita imaxinación en cada exposición. así que aquí vos esperamos! Ata o infinito e máis alá!