mércores, 1 de xullo de 2026

O PDI "Bizocas en Órbita" ABRE AS SÚAS PORTAS ÁS FAMILIAS 🚀✨

 O pasado mércores 17 de xuño vivimos un dos momentos máis especiais do noso proxecto PDI Bizocas en Órbita. Despois de todo un curso investigando, creando, experimentando e aprendendo arredor do espazo, chegou o momento de compartir o resultado con quen mellor nos coñece: as nosas familias.

Para participar nesta experiencia tan especial, as familias tiveron que inscribirse previamente e, uns días antes, recibiron a súa entrada para a viaxe intergaláctica, o seu pasaporte para embarcar nesta aventura espacial que o noso alumnado preparara con tanta ilusión.

Foi unha xornada chea de emocións, ilusión e moitísimo orgullo, na que cada curso presentou o seu produto final para ensinar todo o aprendido ao longo destes meses. Porque aprender tamén é saber comunicar, explicar, sorprender... e desfrutar compartindo o que se fai na escola.

👶 Educación Infantil: unha viaxe polo espazo en vídeo

Os máis pequenos e pequenas prepararon un vídeo no que recollen algunhas das experiencias, actividades e descubrimentos que viviron durante este apaixonante proxecto. Un recordo moi especial que permite ver todo o que foron aprendendo dunha maneira moi visual e divertida.



👉 Podes velo aquí:  https: https://boxabalar.edu.xunta.gal/index.php/s/LPPmkjHkE4mz5Cd


📖 1º Ciclo de Educación Primaria: o alumnado toma a palabra

O alumnado de 2º de Primaria foi o encargado de realizar unha presentación na que, con indicacións preparadas por eles mesmos, foron explicando ás súas familias as diferentes actividades desenvolvidas ao longo do curso.

 

Con moita seguridade, ilusión e entusiasmo convertéronse nos mellores guías posibles para contar todo o aprendido sobre o universo, os planetas, as misións espaciais e moitas curiosidades máis.

Podedes ver a presentación no pinchando aquí

🎭 2º Ciclo: un teatro de sombras para recordar o importante

O alumnado de 3º e 4º de Primaria emocionou a todas as persoas asistentes cun precioso teatro de sombras.

A través dunha historia chea de sensibilidade, conseguiron relacionar o espazo cunha idea moi especial: a importancia da memoria e do recordo. A súa moraleja invitábanos a valorar todos eses momentos, persoas e experiencias bonitas que permanecen para sempre na nosa memoria, igual que as estrelas permanecen iluminando o ceo.

Unha actuación que arrancou moitos aplausos... e tamén algunha emoción.

🧩 5º de Primaria: unha misión espacial para toda a familia

En 5º de Primaria as familias convertéronse en auténticas astronautas por un día.

Prepararon unha completa serie de retos e probas que había que superar en equipo. A aventura comezaba cunhas preguntas iniciais que permitían avanzar cara aos diferentes desafíos:

  • descubrir datas importantes relacionadas coa exploración espacial mediante pequenas adiviñas;
  • observar as constelacións nun pequeno cuarto escuro preparado para a ocasión;
  • resolver un labirinto deseñado polo propio alumnado e elaborado coa cortadora láser;
  • buscar pistas escondidas por todo o colexio relacionadas coa información traballada durante o proxecto;
  • superar diferentes probas nas que a cooperación e a curiosidade eran fundamentais.
  • e máis probas...


Un auténtico escape espacial no que aprender e divertirse foron da man, podedes ver máis do seu produto final AQUÍ.

🤖 6º de Primaria: programando o Sistema Solar

O alumnado de 6º de Primaria sorprendeu ás familias cunha demostración do seu traballo de programación e pensamento computacional.

Empregando os mBots e Scratch, programaron a representación da órbita dos planetas arredor do Sol tomando como referencia a Terra. Ademais, explicaron as enormes distancias que existen entre os planetas mediante unha representación a escala, debuxada no teito da aula, que axudou a comprender mellor as dimensións do noso Sistema Solar.

A súa exposición rematou cunha interesante reflexión sobre a importancia de coidar o planeta Terra, o único fogar que temos, analizando tamén os beneficios que achega a tecnoloxía á nosa sociedade, pero sen esquecer os posibles riscos e a necesidade de facer un uso responsable dela.


💙 Unha misión compartida que chegou ao seu destino

Ao rematar o percorrido, todas as familias cubriron unha rúbrica de valoración, na que puideron expresar a súa opinión sobre a experiencia e achegarnos as súas impresións. As súas valoracións axúdannos a seguir mellorando e confirman que abrir as portas da escola para compartir a aprendizaxe sempre merece a pena.

Como recordo desta viaxe espacial, cada familia recibiu tamén unha chapa co logotipo do noso PDI Bizocas en Órbita, elaborada polo propio alumnado do centro, un pequeno agasallo que simboliza todo o traballo, a creatividade e a ilusión que acompañaron este proxecto durante todo o curso.

Este encontro foi o broche perfecto para un PDI no que investigamos o universo, descubrimos curiosidades sobre o espazo, programamos, creamos, reflexionamos, cooperamos e comprendemos que mirar cara ás estrelas tamén nos axuda a valorar mellor o noso planeta e todo o que nel vivimos.

Queremos agradecer de corazón a asistencia e implicación de todas as familias. A súa presenza converteu esta exposición nun auténtico éxito e demostrou, unha vez máis, que cando escola e familias camiñan na mesma dirección, a aprendizaxe chega moito máis lonxe.




🚀 A nosa viaxe por Bizocas en Órbita remata aquí... pero a curiosidade por seguir descubrindo o universo continuará acompañándonos nas próximas aventuras.



REVISTA SABICHÓN 2025-2026

  🎉 XA ESTÁ AQUÍ A NOVA REVISTA ESCOLAR! 📰✨

Ola a todos e todas!

Temos unha nova que nos fai moita ilusión compartir con vós: estreámola nova edición da nosa revista escolar! 💥 Si, si, esa que levamos preparando con tanto traballo e ilusión.

Nesta revista vas atopar un pouco de todo: entrevistas, relatos, ilustracións feitas por nós, curiosidades, xogos, consellos e moito máis. Quixemos que reflicta o que vivimos no cole ao longo do curso, o que pensamos, o que sentimos e o que nos fai únicos.

Queremos agradecer a todos e todas as que participastes, dende os que escribistes ata quen axudou co deseño, correccións ou ideas tolas que acabaron funcionando xenial. E tamén ao profesorado por apoiar esta aventura creativa!

📚 Podes botarlle unha ollada aquí mesmo no blog ou ver un exemplar no cole.

Esperamos que vos guste tanto coma a nós facela. E xa sabedes… ¡a revista é vosa, así que a próxima edición pode levar a túa sinatura! 🖊️😉



Ata a próxima, artistas! Pinchade na foto para ver a REVISTA COMPLETA!
— O equipo EDLG.

xoves, 25 de xuño de 2026

UN NOVO ESPAZO PARA O BENESTAR NO COLE: BIZOCALMA

 No cole acabamos de estrear un espazo moi especial na aula de Orientación, que tamén é a nosa aula de convivencia. Chámase Bizocalma e nace ligado á biblioteca e ao PDI Bizocas en Órbita. Pero, sobre todo, nace pensando no máis importante: o benestar do alumnado.

Bizocalma é un lugar para facer unha pausa cando a necesitamos, para coñecernos mellor por dentro e aprender a manexar as emocións con calma. É un espazo pensado para relaxarnos, respirar e atopar ese momento de tranquilidade que ás veces precisamos durante o día.

Conta con diferentes recunchos e materiais que axudan a estar mellor: mandalas para colorear, slime, debuxos, unha pequena biblioteca de aula con libros sobre emocións, peluches e unha zona con alfombra e coxíns onde podemos simplemente descansar e desconectar un intre.

Este espazo é importante porque nos axuda a coidarnos, a entender como nos sentimos e a resolver conflitos dun xeito máis tranquilo e respectuoso. Porque aprender tamén é isto: saber parar, escoitarse e coidar o benestar propio e o dos demais.

E o mellor de todo é que Bizocalma é un espazo creado entre todas e todos. O gran arco da vella que o decora é un exemplo perfecto disto: cada curso pintou unha parte e deu forma a unha obra común chea de cor e significado. As emocións están representadas nel, como no propio arco da vella: moitas cores diferentes que, xuntas, forman algo fermoso e equilibrado.

A creación de Bizocalma está tamén estreitamente relacionada co noso PDI Bizocas en Órbita. Ao longo deste proxecto viaxamos polo espazo exterior para descubrir planetas, estrelas e galaxias, pero tamén aprendemos que existe outro universo igual de fascinante: o que levamos dentro de nós. 


Neste proceso participou practicamente todo o centro. Queremos agradecer a todo o profesorado e alumnado por achegar ideas e participar da creación desta aula, facendo  unha mención especial a María, que dirixiu con moito coidado a elaboración das letras coa plotter; a Luís, o conserxe, sempre disposto a axudar, pintar e facer todos os arranxos necesarios; a Sandra, que tamén participou no debuxo do proxecto; a Ana e Anxos, que dirixiron a actividade achegando ideas e orientacións moi valiosas; a Pilar, pola súa axuda constante en todo o que se precisou; e a Dolo, que coordinou e guiou toda a actividade do arco da vella, facendo posible que todas e todos participásemos.

Grazas a este traballo conxunto, Bizocalma non é só un espazo bonito, senón un espazo con alma, creado en equipo e pensado para mellorar a convivencia e o benestar de toda a comunidade educativa.

martes, 23 de xuño de 2026

RECOMENDACIÓNS LECTORAS DE VERÁN

Como cada trimestre, o equipo de biblioteca prepara unha selección de recomendacións lectoras para seguir desfrutando dos libros dentro e fóra da aula.  Aquí vos deixamos as do terceiro trimestre, con propostas para todas as idades… e tamén para as familias!

Un libro sempre é unha gran opción: entretén, fai voar a imaxinación e acompáñanos en calquera lugar.

Podedes atopar todos estes títulos en calquera libraría, pero animámosvos especialmente a apostar polo comercio local e optar pola libraría de proximidade do Grove.

 



Bo verán!! 


luns, 15 de xuño de 2026

UNHA VIAXE MUSICAL POLO UNIVERSO DE STAR WARS

Ao longo deste trimestre, o alumnado de 5º de Educación Primaria estivo a traballar con moita ilusión na interpretación da Banda Sonora de Star Wars, empregando frautas e boomwhackers na materia de Música e Danza. Esta actividade enmárcase no noso PDI "Bizocas en órbita", a través do cal seguimos descubrindo o fascinante mundo do espazo desde diferentes áreas.


Despois de moitos ensaios, aprendizaxes e traballo en equipo, hoxe, luns 15 de xuño, chegou o gran momento: compartir o resultado co resto do alumnado do centro nunha pequena representación. Os sons máis coñecidos desta saga acompañáronnos nunha actuación chea de ritmo, concentración e emoción, na que os nosos músicos e músicas demostraron todo o esforzo realizado durante estes meses.

Queremos felicitar ao alumnado de 5º polo seu compromiso e entusiasmo, e tamén agradecer ao público o seu silencio e os seus aplausos, que fixeron desta actuación un momento moi especial.


martes, 9 de xuño de 2026

A VOSA OPINIÓN CONTA..E MOITO!

 Na nosa biblioteca gústanos facer un montón de actividades, descubrir historias, investigar, crear e aprender xuntos. Pero… sabedes que é o máis importante? Coñecer a opinión do noso alumnado!

Por iso, durante estes días, todos os nenos e nenas do cole participaron nunhas enquisas moi especiais. Nelas puideron valorar as actividades da biblioteca, dicindo se lles gustaron moito, pouco ou nada, e tamén compartir as súas ideas para seguir mellorando este espazo que é de todos e todas.

Ademais, deixáronnos propostas de novos libros que lles gustaría atopar nas estanterías, suxestións para facer a biblioteca aínda máis divertida e… unha pregunta moi importante: sobre que temática lles gustaría investigar o vindeiro curso no noso PDI. Iso si, ese segredo gardarémolo un pouquiño máis… ¡xa o desvelaremos cando chegue o momento! 🤫✨

Para nós, estas enquisas son moito máis ca unhas simples preguntas. Son unha oportunidade para que o alumnado participe, dea a súa opinión e vexa que as súas ideas teñen valor. Porque unha biblioteca viva constrúese entre todos e todas.


Grazas a todos e todas por participar! Agora tócanos escoitar, tomar boa nota das vosas ideas e seguir traballando para que a nosa biblioteca sexa cada día un lugar máis especial.