venres, 29 de maio de 2026

"CAMBIA O CONTO" DE RAQUEL QUEIZÁS - AXENCIA DE LECTURA DE SAN VICENTE

 🎭 Viaxes, monicreques e moito talento: O alumnado de San Vicente "cambia o conto" con Raquel Queizás

Este xoves, todo o alumnado do noso centro tivo a oportunidade de gozar dunha xornada cultural moi especial grazas á colaboración coa Axencia de Lectura de San Vicente. Desprazámonos para asistir á representación de "Travesías", un fascinante espectáculo de narración oral con obxectos e monicreques, dirixido e interpretado por Raquel Queizás.

A obra, que cautivou a grandes e cativos desde o primeiro minuto, presentábase cunha declaración de intencións moi potente:

"Agárdannos viaxes cheas de aventuras nas que coñeceremos a nenas e mulleres bravas que loitaron contra os prexuízos para conseguir alcanzar os seus soños.

Ata hai moi pouco tempo, os contos infantís reflectían un mundo onde os protagonistas eran sempre heroes masculinos que salvaban a débiles princesas. E en raras ocasións aparecían mulleres decididas e resoltas. Pero agora podemos contar con contos que transmiten valores de igualdade, de respecto e convivencia entre nenas e nenos, e entre mulleres e homes. ¡Cambiemos o conto!"


🌟 Unha lección de igualdade a través da maxia dos monicreques

Cunha posta en escena coidadísima e cargada de sensibilidade, Raquel Queizás conseguiu que todo o colexio viaxase con esas mulleres valentes que non se renderon ante os estereotipos. A través dos seus obxectos e personaxes, os nosos nenos e nenas aprenderon que non hai historias "só para rapaces" nin "só para rapazas", senón soños polos que paga a pena loitar en pé de igualdade.




Grazas á Axencia de Lectura de San Vicente por organizar esta actividade tan necesaria e, por suposto, a Raquel Queizás por agasallarnos co seu talento e por axudarnos, un pouquiño máis, a cambiar o conto.

A próxima aventura agárdanos nas páxinas dos libros! 📚✨

martes, 26 de maio de 2026

PODCAST SABICHÓN - AVENTURA, MAR E MOITO XORNALISMO

 🎙️ Sabichón navega por mares de comunicación e aventura!

O noso Podcast Sabichón segue a sumar quilómetros e experiencias e, despois de coñecer os segredos da televisión nacional e a "maxia espacial", nesta ocasión poñemos o foco nun auténtico todoterreo dos medios. O alumnado de 5º EP do CEIP As Bizocas colle os micrófonos para recibir a un convidado de luxo que leva a curiosidade por bandeira e que sabe moi ben o que é contar historias viaxando polo mundo: Víctor Gallego.



Un grovense cunha equipaxe chea de historias

Sabías que Víctor comezou a fraguar o seu espírito aventureiro moi preto de aquí? Estudou de neno no Colexio Valle-Inclán e despois no Instituto Monte da Vila, aquí no Grove, antes de seguir formándose na Universidade de Santiago de Compostela.

Pero a súa fame de aprender e a súa curiosidade levárono moito máis alá! Cun máster e prácticas profesionais na mochila, Víctor percorreu pantallas e escenarios en lugares tan diversos como Madrid, Ecuador e os Estados Unidos. Un viaxeiro incansable que hoxe é xornalista, presentador de televisión e cofundador da produtora Mardefondo, un nome que define á perfección esa conexión coas nosas raíces e coas historias que importan.

A curiosidade levouno moito máis alá, demostrando que desde O Grove pódense contar historias para o mundo enteiro.

Preguntas con moito rumbo

Durante a charla, os nosos reporteiros da Radio Sabichón demostraron que non teñen medo a ningún entrevistado e puxeron a Víctor entre as cordas con preguntas moi curiosas e divertidas. Interesáronse moito polo lado máis humano e polos segredos do oficio: quen foi a persoa máis famosa que tivo que entrevistar? Ou que trucos ten na manga un profesional como el cando se lle esquece o guión ou se queda en branco en directo?

Tamén houbo tempo para viaxar coa imaxinación. Falamos de soños e de futuro, e Víctor confesounos a que recuncho do planeta lle gustaría ir a rodar un novo documental, ademais de darnos algunha pista sobre os seus próximos proxectos. Un auténtico luxo descubrir o que hai detrás das cámaras cun director, xornalista e aventureiro de primeira! 




O reto final: Un mapa de preguntas

Como xa é tradición no noso podcast, Víctor non marchou sen antes enfrontarse ao noso desafío. Aproveitando que ten a mochila chea de quilómetros e experiencias por todo o planeta, o alumnado preparoulle un reto feito á súa medida: un cuestionario exprés sobre xeografía. Demostrou o noso convidado que se orienta tan ben nos xogos do colexio como nas súas viaxes polo mundo?

Non te perdas este episodio cheo de viaxes e paixón polo xornalismo! Podes escoitalo aquí mesmo:

https://drive.google.com/file/d/1sRRG0KpBB2njK0WtksMx6uxtOZFZe8VO/view?usp=sharing


CONTACONTOS FAMILIARES EN ED.INFANTIL: PELAYO

 Na biblioteca do cole tivemos unha visita moi especial! 📚🚂

O papá de Pelayo, Dani, achegouse ata Infantil para compartir con nós un contacontos cheo de emoción e tenrura. O libro escollido foi A derradeira viaxe en tren, unha bonita historia na que un toupo revisor de tren se xubila despois de moitos anos sendo amable e educado con todos os pasaxeiros. Para despedilo como merece, prepáranlle unha gran festa chea de cariño e sorpresas.

Os nenos e nenas gozaron moitísimo da lectura, participando e escoitando con moita atención esta entrañable aventura sobre a amizade, a educación e a importancia de tratar ben aos demais.

Moitas grazas, Dani, por compartir este ratiño tan especial con nós e por facer da nosa biblioteca un lugar aínda máis máxico! ✨





venres, 22 de maio de 2026

PECHANDO O CLUB DE LECTURA 25/26

 Esta semana puxemos o broche final ao noso Club de Lectura cunha actividade moi especial de avaliación e reflexión. O alumnado participante compartiu as actividades que máis lle gustaron, aquelas que menos, propostas de mellora e tamén unha puntuación global da experiencia vivida ao longo do curso. Foi moi enriquecedor coñecer as súas opinións e comprobar o moito que gozaron desta aventura lectora.

Despois deste momento de valoración, fixemos entrega dos diplomas de participación como recoñecemento ao interese, implicación e entusiasmo demostrado durante todas as sesións. Ademais, cada participante levou un pequeno agasallo de recordo: un marcapáxinas e unha libreta.

Queremos agradecer sinceramente a participación de todo o alumnado, así como o bo ambiente creado arredor dos libros, das historias e das conversas compartidas.

Agardamos vervos de novo o vindeiro curso para seguir descubrindo novas lecturas e vivindo moitas máis aventuras xuntos/as!

martes, 19 de maio de 2026

UXÍA LAMBONA E A BANDA MOLONA TEN UNHA MENSAXE PARA NOS!

 Despois de participar enviando un vídeo bailando a súa nova canción Odessa, e tras pedir as autorizacións pertinentes, chegou unha sorpresa que nos fixo moitísima ilusión. A banda enviounos esta vídeo mensaxe tan especial para todo o alumnado participante de Infantil e 1º ciclo!


Xa está dispoñible o videoclip no que aparecemos todos os coles participantes… e non podemos estar máis contentas e emocionadas de formar parte del! 💥🎶

Estamos moi felices de saír no vídeo e de ver como o noso cole puxo toda a súa enerxía, ilusión e ganas para facer algo tan bonito. 

AQUÍ PODEDES VELO!



luns, 18 de maio de 2026

XORNADA DE CONVIVENCIA NO CEIP CONMENIÑO POLAS LETRAS GALEGAS

 O pasado 15 de maio vivimos unha xornada moi especial para celebrar o Día das Letras Galegas! Nesta ocasión fomos convidados polo CEIP Conmeniño a compartir unha mañá de convivencia chea de xogos, música e moi bo ambiente.

Chegamos ao cole veciño ás 10:00 da mañá e comezamos a xornada participando en diferentes xogos tradicionais preparados por cada aula. Houbo tempo para rir, colaborar, movernos e descubrir algúns deses xogos de sempre que forman parte da nosa cultura popular. Foi unha oportunidade xenial para compartir momentos, facer equipo e coñecer mellor aos compañeiros e compañeiras do Conmeniño, así como o seu cole e as suas instalacións. 



Ás 11:00 chegou un dos momentos máis esperados do día coa actuación de Cinco en Zocas. Este grupo galego, coñecido por mesturar música tradicional, humor e moita participación do público, fíxonos cantar, bailar e pasalo en grande coa súa enerxía e os seus ritmos populares. 

Despois tocou facer unha pequena parada para o recreo e a merenda, recuperando forzas para seguir gozando da mañá. 

E para rematar, ás 12:00, xuntámonos todos e todas para cantar “Somos os mecos do Grove”, acompañando a canción co son das pandeiretas. Foi un momento moi bonito no que as voces e a música dos dous colexios se uniron para celebrar a nosa lingua, a nosa cultura e as Letras Galegas. 

Ademais, ao despedirnos, levamos unha sorpresa moi especial: agasalláronnos cun chaveiro precioso feito por eles mesmos para recordar este Día das Letras Galegas e a fermosa xornada de convivencia vivida xuntos. Un detalle cheo de cariño que gardaremos con moita ilusión! 

Sen dúbida, foi unha experiencia inesquecible chea de convivencia, amizade e moitas ganas de seguir celebrando xuntos a nosa cultura. 


Moitas grazas ao CEIP Conmeniño por convidarnos e facernos sentir como na casa! 😊

POLO CORREO DO VENTO: BEGOÑA CAAMAÑO

 Esta semana tivemos unha visita moi especial no cole! Viñeron os amigos de O Correo do Vento para achegarnos á vida e á obra de Begoña Caamaño, a protagonista homenaxeada este ano nas Letras Galegas.

Da man de Quique fomos descubrindo quen era Begoña Caamaño, unha muller moi importante para a literatura e o xornalismo galego. Contounos que foi unha escritora comprometida coa lingua galega e coa igualdade, e tamén coñecemos algunhas das súas obras máis destacadas, nas que daba voz a personaxes femininas fortes e valentes.


Mentres Quique nos ía relatando a súa historia dunha maneira moi divertida e entretida, Tania sorprendeunos facendo ilustracións en directo. Foi incrible ver como os debuxos ían aparecendo pouco a pouco mentres escoitabamos todas as curiosidades sobre a autora! 🎨🖌️

Ademais, presentaron o seu novo libro adicado á homenaxeada! 

E a actividade non rematou aí! Ao final do encontro, Tania guiou paso a paso un debuxo de Begoña Caamaño para que todos os nenos e nenas puidesen facelo tamén. Houbo auténticos artistas na aula! 👏😊

Pasámolo xenial aprendendo sobre a nosa cultura, a nosa lingua e unha autora tan importante das Letras Galegas. Moitas grazas a O Correo do Vento por esta experiencia tan bonita! 💙

venres, 15 de maio de 2026

TEATRO POLA SEMANA DAS LETRAS GALEGAS

 O mércores, con motivo da celebración das Día das Letras Galegas, o alumnado realizou unha visita moi especial á Axencia de Lectura de San Vicente, onde puidemos gozar dunha actividade chea de historias, música e moitas risas.

 

Durante a xornada asistimos a Burromaquia, un espectáculo de narración oral pensado para público familiar a partir de 3 anos. A través dunha divertida selección de contos, fábulas, poemas e cancións, fomos descubrindo con simpatía e humor o mundo dun animal tan entrañable como é o burro.

 

Os rapaces e rapazas participaron activamente en todo momento, cantando, respondendo preguntas e deixando voar a súa imaxinación mentres coñecían a historia do famoso burro da Tía Lola, personaxe popularizado no coñecido pasodobre dos gaiteiros Os Dezas de Moneixas.

 

Foi unha experiencia moi entretida e enriquecedora, na que a lingua galega, a tradición oral e a cultura popular se converteron nas grandes protagonistas da mañá. Sen dúbida, unha maneira fantástica de celebrar as nosas letras e seguir descubrindo a riqueza da nosa cultura dun xeito divertido e participativo.












martes, 12 de maio de 2026

EXPOSICIÓN DE NICOLÁS OTERO

 📸 As aves visitan a nosa biblioteca: Exposición de Nicolás Otero

Este luns, a biblioteca do noso centro encheuse de natureza e talento grazas á visita de Nicolás Otero Sanmartín. Nicolás non é un descoñecido: é un exalumno do centro que, dende moi novo, soubo combinar as súas dúas grandes paixóns, a fotografía e a ornitoloxía.

Actualmente, Nicolás continúa a súa formación no IGAFA da Illa de Arousa, pero fixo un oco para volver á que foi a súa casa e compartir connosco a súa fascinación polo mundo das aves.




Un percorrido pola nosa contorna

A exposición recolle unha coidada selección de fotografías de especies de aves. Nicolás, que xa levou o seu traballo a lugares como a Casa da Cultura "Manuel Lueiro Rey", a Sala das Cunchas do Grove ou o IES Monte da Vila, demostrou unha sensibilidade única para captar a beleza do salvaxe.

O alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria tivo a sorte de participar nesta actividade, que non consistiu só en observar as imaxes:

  • Explicacións de experto: Nicolás acompañou cada fotografía cunha charla sobre as características e curiosidades de cada especie.

  • Concienciación: Aprendemos a importancia de respectar e protexer a biodiversidade que nos rodea.

  • Vocación: O exemplo de Nicolás amosounos como un interese que nace no colexio pode converterse nunha forma de vida.






Queremos agradecerlle a Nicolás a súa xenerosidade por compartir os seus coñecementos e o seu tempo connosco. 

Grazas por abrirnos unha ventá á natureza, Nicolás!

luns, 11 de maio de 2026

VISITA MOI ESPECIAL DE SUSA HERRERA

Esta semana tivemos a gran sorte de recibir no noso centro a visita de Susa Herrera, unha autora e música moi querida polo alumnado polos seus contos cheos de ritmo, diversión e participación. Susa combina música, narración e xogo nas súas propostas, conseguindo que nenos e nenas vivan a lectura dunha maneira moi especial.

Ademais, esta xa é a segunda vez que nos visita, algo que nos fai moitísima ilusión, e polo que queremos agradecerlle especialmente a súa cercanía, cariño e participación co noso cole.

Durante a xornada cantamos varias cancións dos seus libros, pasámolo en grande seguindo os ritmos e acompañándoa nas actividades, e tamén tivemos a oportunidade de coñecer o seu novo libro, La moto de Rufino. Encantounos cantar con ela e descubrir esta nova historia!

Foi unha experiencia xenial, xa que Susa Herrera conseguiu facer participar a todo o mundo: alumnado e tamén profes!

Moitas grazas, Susa, por compartir connosco unha mañá tan divertida e chea de música. Agardamos volver verte moi pronto no noso cole.



venres, 8 de maio de 2026

CELEBRAMOS O DÍA DA POESÍA CO ALUMNADO DO IES

Con motivo do Día Mundial da Poesía, 21 de marzo, esta semana vivimos unha experiencia moi especial xunto co alumnado do IES, concretamente cos rapaces e rapazas de 2º da ESO. Unha xornada chea de arte, improvisación, música e traballo en equipo que desfrutamos un montón!

 

Despois da actividade realizada con Didier, que nos ensinou a traballar co LaunchPad e a crear bases musicais e ritmos, puxemos en práctica todo o aprendido dunha forma moi divertida e creativa. O alumnado organizouse en pequenos grupos e preparou diferentes improvisacións poéticas acompañadas de bases musicais, nas que uns recitaban mentres outros pinchaban e controlaban a música coa tablet. Toda unha experiencia de auténticos artistas!

 

Seguindo a temática do PDI deste curso, centrada no espazo, cada grupo escolleu un poema relacionado co universo, as estrelas, os planetas.. de diferentes autores como Manuel MAría, Rosalía de Castro, Xavier Seoane, Mario Benedetti... entre outros. Así, fomos compartindo versos e creacións tanto co alumnado do cole como co do instituto, creando un ambiente moi especial no que a poesía e a música se mesturaron á perfección.

 

Pero a cousa non quedou aí! 
Tamén tivemos unha parte máis improvisada, na que apareceron poemas espontáneos e momentos moi divertidos. O alumnado do IES e do cole animouse a recitar e pinchar xuntos, colaborando e desfrutando dunha actividade diferente, creativa e moi enriquecedora para todos e todas.

Para rematar esta xornada tan bonita, os compañeiros e compañeiras do instituto levaron un pequeno detalle de recordo: un boli coa frase do noso cole:

“Apertas salgadas dende o CEIP As Bizocas”

 

Queremos agradecer especialmente a Belén, a profe de música do IES, por participar, colaborar activamente e organizar esta actividade tan especial. Grazas polo teu entusiasmo e por facer posible momentos así, nos que aprendemos, compartimos e desfrutamos tanto.

Agardamos repetir moi pronto… porque a poesía, cando se comparte, soa moito mellor! 

martes, 5 de maio de 2026

PODCAST SABICHÓN - XORNALISMO, GRAVACIÓN E XOGO ESPACIAL

🎙️ Sabichón aterra no mundo da comunicación!

O noso Podcast Sabichón non para de medrar e, nesta ocasión, deixamos os remos da nosa anterior invitada para mergullarnos de cheo no apasionante mundo da televisión! O alumnado de 5º de Educación Primaria —con Rocío, Zaira, Naima e Aarón á fronte dos micros— recibiu a dous convidados de luxo que saben moi ben o que é contar historias diante e detrás das cámaras: Carmen Chao e Manuel Tato Silva.


Unha vocación entre cámaras e micrófonos

Sabías que Carmen, antes de ser xornalista, soñaba con ser pintora? Aínda que a arte sempre a acompañou, pronto descubriu que a súa verdadeira paixón eran as palabras. Tras pasar por medios como a TVG, Carmen especializouse en Sevilla en Comunicación Audiovisual para entender todo o que pasa tras as cámaras. Despois dunha gran etapa en Telecinco, hoxe é unha cara imprescindible de Antena 3 Informativos.

Pero Carmen non veu soa! Acompañouna o seu marido e compañeiro, Manuel Tato Silva, cámara profesional e peza clave de Factoría Espacial. Esta produtora define á perfección o espírito que queremos no cole:

"Nacemos para contar historias que desafían os límites do posible. No noso espazo, non hai límites."

 

Preguntas con moito enfoque

Durante a charla, Rocío, Zaira, Naima e Aarón demostraron ser uns xornalistas de primeira. Interesáronse moito polo día a día do xornalismo e, sobre todo, por como é o traballo conxunto entre Carmen e Manuel. Como se coordinan unha xornalista e o seu compañeiro cámara.

Tamén houbo tempo para falar de soños: Manuel confesounos algún proxecto pendente ao que lle ten moitas ganas e que agardamos ver pronto na pantalla. Ademais, transmitíronnos o seu compromiso coa igualdade e a importancia de dar voz ás historias que máis o precisan.



O reto final: "Palabras encadeadas espaciais"

Como non podía ser doutra forma, o alumnado preparou un desafío final seguindo a liña do noso PDI (Proxecto Documental Integrado) deste ano. Carmen e Manuel tiveron que enfrontarse ao xogo das "Palabras encadeadas espaciais". Foron quen de non romper a cadea co vocabulario máis galáctico?

Non te perdas este episodio cheo de comunicación, compromiso e moita "maxia espacial"! Podes escoitalo aquí mesmo:

https://drive.google.com/file/d/1jE9DPHNXdQnV4hr9ZWgY2YzzMvJruHp2/view?usp=sharing