Amosando publicacións coa etiqueta PDI 24-25 Pequen@s artistas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta PDI 24-25 Pequen@s artistas. Amosar todas as publicacións

xoves, 26 de xuño de 2025

REVISTA ESCOLAR 24/25

 🎉 XA ESTÁ AQUÍ A NOVA REVISTA ESCOLAR! 📰✨

Ola a todos e todas!

Temos unha nova que nos fai moita ilusión compartir con vós: estreámola nova edición da nosa revista escolar! 💥 Si, si, esa que levamos preparando con tanto traballo e ilusión.

Nesta revista vas atopar un pouco de todo: entrevistas, relatos, ilustracións feitas por nós, curiosidades, xogos, consellos e moito máis. Quixemos que reflicta o que vivimos no cole ao longo do curso, o que pensamos, o que sentimos e o que nos fai únicos.

Queremos agradecer a todos e todas as que participastes, dende os que escribistes ata quen axudou co deseño, correccións ou ideas tolas que acabaron funcionando xenial. E tamén ao profesorado por apoiar esta aventura creativa!

📚 Podes botarlle unha ollada aquí mesmo no blog ou ver un exemplar no cole.

Esperamos que vos guste tanto coma a nós facela. E xa sabedes… ¡a revista é vosa, así que a próxima edición pode levar a túa sinatura! 🖊️😉

Ata a próxima, artistas! Pinchade na foto para ver a REVISTA COMPLETA!
— O equipo EDLG.


mércores, 25 de xuño de 2025

PEQUEN@S ARTISTAS: UNHA EXPOSICIÓN CON MOITA ARTE

 O pasado venres 20 de xuño vivimos un deses días máxicos no CEIP As Bizocas: abrimos as portas do cole para compartir con todas as familias o traballo realizado ao longo do curso no Proxecto Documental Integrado (PDI). E que traballo! Foron meses de investigación, creación e moito entusiasmo arredor dun tema que nos encantou: as sete artes !

As familias chegaron ao cole ben puntuais, coa entrada de cine que recibiron nas súas casas todas aquelas que se inscribiran previamente! Ademais, tamén recibiron un pequeniño bote de palomitas de benvida, isto parece un verdadeiro cine!


 

A continuación dividímonos en 4 grupiños para pasar á parte máis máxica: Cada ciclo preparou unha zona temática na exposición, co alumnado como auténtico guía. Foron eles e elas quen explicaron o proceso, contaron anécdotas, ensinaron as súas creacións e deron vida á mostra. Un auténtico museo vivinte e dinámico no que a aprendizaxe saíu das aulas e se converteu en experiencia compartida.



E como broche final…  os retos artísticos para as familias (os retos que o alumnado do Bizocas foi resolvendo ao longo do curso!)



Durante media hora, peques e maiores xogaron, crearon e riron xuntos nun espazo cheo de propostas ubicados en diferentes puntos do centro: memory, crucigramas, teatro de sombras, croma, buscar letras nos cadros, recoñecer esculturas... é dicir, todos os retos que os nenos e nenas das bizocas foron resolvendo ao longo do curso!


As 7 artes protagonistas:

🎭 Teatro – xogamos a ser actores e actrices, fixemos dramatizacións, aprendemos o que é un guión, un escenario… e ata inventamos personaxes!

🎶 Música – descubrimos instrumentos, ritmos, sons do mundo e puxemos banda sonora á nosa vida escolar. Algúns grupos incluso crearon as súas propias cancións!

🎬 Cine – aprendemos como se fai unha película, exploramos o mundo dos planos, os xéneros, o guión e mesmo gravamos pequenos curtas, e ata experimentamos co croma!





🎨 Pintura e artes plásticas – experimentamos con materiais, cores, estilos e artistas de todos os tempos. As aulas enchéronse de cadros e obras orixinais.

🏛 Arquitectura – fixemos maquetas, exploramos construcións do mundo e mesmo deseñamos espazos soñados. Aprendimos a mirar os edificios con outros ollos.


📚 Literatura – mergullámonos en contos, poemas e historias creadas por nós, ilustrámolas e compartímolas coas familias.

💃 Danza – expresamos emocións co corpo, coñecimos diferentes estilos e culturas, e gozamos do movemento como forma de arte.

Ao rematar, as familias que se inscribiron tiveron un pequeno agasallo: un boli personalizado co sello das Bizocas! 


Con eles, cubriron unha rúbrica de avaliación para as familias, onde indicaron o seu nivel de satisfacción coa exposición da PDI. 


Foi unha mañá para lembrar, na que o esforzo de todo o curso cobrou sentido. Queremos dar as grazas:

🌟 Ao alumnado, por poñerlle tantas gañas e tanto corazón.
🌟 Ao profesorado, por facer posible este proxecto con dedicación, paixón e moita arte.
🌟 E ás familias, por vir, acompañar, participar e emocionarse con nós. Agardamos que para o vindeiro curso vos animedes a volver!

Esta exposición foi moito máis ca unha mostra de traballos: foi unha celebración do que significa aprender creando, facer comunidade e converter a escola nun espazo vivo, activo e cheo de posibilidades.

Porque nas Bizocas, a aprendizaxe é unha obra de arte 🎨💥 

E así damos por finalizada a PDI 24/25 PEQUEN@S ARTISTAS! 

Pinchade AQUÍ para ver todas as fotos! 

xoves, 5 de xuño de 2025

UNHA EXPOSICIÓN CON MOITA ARTE!

Este curso no cole estivemos a tope investigando coa arte: pintura, escultura, arquitectura, teatro, música, cine e literatura; enchendo as aulas de inspiración artística. 

E agora... toca ensinarvos todo o que aprendemos no noso Proxecto Documental Integrado deste curso 24/25 "Pequen@s artistas"! 

👉 Faremos unha exposición do noso PDI no cole e as familias estades oficialmente convidadas!

Para iso, teredes que anotar no seguinte formulario cantas persoas van acudir de cada familia, para poder organizar todo da mellor forma posible! 

 O último día para anotarvos será o martes 10 de xuño! 

📍 Onde? No cole, claro!
🕒 Cando?  Venres 20 de xuño de 9:00 a 10:30h. ⚠️ MOI IMPORTANTE SER PUNTUAIS!
👀 Que ides ver?  Pasaredes en pequenos grupos polas 4 estacións que teremos preparadas (Infantil, 1º ciclo, 2º ciclo e 3º ciclo de EP) durante 10 minutiños en cada unha, onde o alumnado de cada ciclo vos irá explicando os seus traballos ao longo do curso.  Ao rematar, teremos 30 minutos para facer libremente diferentes retos de arte cos vosos fillos e fillas onde o pasaredes moi ben aprendendo e xogando!

Enlace para inscribirse:  https://forms.gle/vaSiBLgC41GF6S9G8 


💬 Traede os ollos ben abertos e moitas ganas de aprender co talento do noso alumnado.

Animádevos a asistir! As familias tamén formades parte desta aventura artística, a vosa visita é o mellor aplauso para o noso alumnado, que puxo corazón, cor e moita imaxinación en cada obra. así que aquí vos esperamos coa alfombra vermella posta!

mércores, 4 de xuño de 2025

UN TEATRO DE SOMBRAS MOI ESPECIAL

O alumnado de 5º de Primaria, inmerso no seu traballo do PDI, concretamente a arte do cine, preparou con moita ilusión unha fermosa representación de teatro de sombras para os nenos e nenas de Educación Infantil.


Elixiron lendas e contos para contarnos, crearon as siluetas, montaron o escenario e practicaron a posta en escena durante varios días. O resultado foi unha función chea de maxia, luz e creatividade.

Os máis pequenos seguiron a historia con moita atención e desfrutaron dunha experiencia inesquecible. Ao rematar, non faltaron os aplausos nin os sorrisos.

Parabéns aos artistas de 5º polo seu traballo e por compartir este momento tan especial! 

venres, 30 de maio de 2025

OBRADOIRO DE ESCULTURA CON IAGO FONTOIRA: ARTISTAS EN ACCIÓN!

 Esta semana o alumnado de 3º e 4º de Primaria viviu unha experiencia única: converteronse en verdadeiros escultores!

E quen foi o seu mestre? Nada máis e nada menos que Iago Fontoira, artista do Grove que sabe moito, moitísimo de arte… e que ademais explica xenial!

🧠 Primeiro falounos do seu traballo e de cousas moi interesantes como o que significa ser un artista conceptual.
🎭 Logo puxémonos mans á obra: con escaiola, esponxa floral (si, ese material que se usa para meter as plantas!) e moita imaxinación, cada grupo fixo a súa propia obra de arte.

Foron dúas mañás intensas, divertidas e cheas de inspiración, nas que cada neno e nena deixou voar a súa creatividade… e ata manchamos un pouco (ou moito 😅), pero mereceu a pena!


📸 As obras quedaron tan chulas que fixemos fotos para compartilas con vós. 

 

💬 Moitas grazas a Iago Fontoira por ensinarnos tanto, por contaxiarnos a súa paixón pola arte e por facernos ver que todos e todas podemos ser artistas!

mércores, 14 de maio de 2025

FOLIADA CO CEIP DE CONMENIÑO POLAS LETRAS GALEGAS!

 Este venres celebraremos as Letras Galegas cunha gran foliada de convivencia co cole de Conmeniño 🥳

Ademais, contaremos cunha actuación especial do grupo Abiñadoira! de Sanxenxo, un grupo que traballa para recuperar e manter viva a música e o baile tradicional galego.

Van ofrecer unha actuación chea de música, ritmo e tradición, que nos fará viaxar no tempo e lembrar como cantaban e bailaban os nosos avós e avoas.

Será unha oportunidade única para aprender, gozar e sentir o orgullo de ser parte desta terra!

Pinchade Aquí para ver o vídeo promocional que fixeron no cole de Conmeniño. 

Vémonos o venres!


Teremos tamén algunha que outra sorpresa! Que emoción!

luns, 28 de abril de 2025

RETO SEMANAL DE...MÚSICA!

Recordades a Susa Herrera e as súas cancións sobre animais? O Sabichón convídavos a resolver uns cantos xogos relacionados coas cancións e as súas letras.


Podedes poñer a soar os CD que inclúen os libros mentres os resolvedes! Facédeo por grupos, de forma individual ou como mellor vos veña.! 


En primeiro lugar: A SOPIÑA DE LETRAS

Unhas cantas palabras están agochadas nesta sopiña, quen será capaz de atopalas todas?


En segundo lugar: O CRUCIGRAMA

Neste crucigrama debemos fixarnos ben nos debuxos, na dirección das palabras e asegurarnos de que todas encaixen cunha letra en cada cadro.


En terceiro lugar: O PASAPALABRA 

Para resolver este pasapalabra debes ser experto/a nas letras das cancións de Susa Herrera. 

Se non sabes a resposta corre a buscala nos libros!


Tedes as definicións das letras, follas de resposta individuais e as solucións no sobre de comprobación.


Deséxovos moita sorte!

martes, 22 de abril de 2025

RETO SEMANAL DE... ESCULTURA POLA SEMANA DO LIBRO!

 Estades preparad@s para convertervos en escultor@s?
Neste reto pola Semana do Libro, o obxectivo será representar un personaxe dalgún conto dos exemplos mediante a escultura. Tamén podedes elixir o personaxe que vos queirades! Podedes facelo en parellas, equipos, ou toda a clase!                

Logo, pegaremos a escultura nunha base de cartón coa imaxe do conto baixo un post- it que o esconda para que os demais poidan adiviñar de que personaxe se trata.
Seredes capaces de adiviñar as esculturas dos demais? Aquí tedes alguns exemplos de 1º de EP que xa se animaron a facelo!! Quedáronlle xenial!



Todo un reto! Ánimo escultor@s!

DÍA DAS ARTES GALEGAS: ISAAC DÍAZ PARDO.

O martes 1 de abril conmemoramos o Día das Artes Galegas, este ano adicado a Isaac Díaz Pardo,  pintor, ceramista, deseñador e editor.

REAL ACADEMIA GALEGA DE BELAS ARTES

Este ano veunos de luxo, xa que traballando as artes, este artista cadrounos que nin pintado! (nunca mellor dito).

Así creamos entre todos e todas este mural que se atopa nunha das escaleiras do cole: Educación Infantil fixo un símbolo característico de Sargadelos , 1º decorou o Cigarron de Sargadelos , 2º tamén fixo símbolo de Sargadelos, 3º pintou un pescador, 4º fixo un encrucillado sobre a súa vida,  e no 3º ciclo tamén investigaron sobre a vida e obra deste artista.


Quedounos un mural ben bonito!

Entrada do blog redactada por Álida e Maya (6º de EP).

luns, 21 de abril de 2025

VÍCTOR GALLEGO FÁLANOS DE CINE EN 5º E 6º

 O cine e o xornalismo chegaron ás aulas de 5º e 6º de EP! O alumnado de 3º ciclo, inmerso no traballo co cine dentro do PDI de artes, recibiu a Victor Gallego, director de documentais como Mulleres do mar, guionista e presentador de proxectos como O Salvador, entre outras actividades.

Durante a súa visita puidemos ver en primeiro plano (nunca mellor dito!) cámaras e material relacionado co mundo do cine, xa que está especializado en cine documental e en TV.

Moitístimas grazas Víctor por vir e ensinarnos tanto!






martes, 8 de abril de 2025

RETO SEMANAL DE... PINTURA!

 Nesta nova semana agárdanos na biblioteca un novo reto de pintura! 

Desta vez, en conxunto co Equipo de Dinamización de Lingua Galega, o reto será un concurso para crear a portada da revista escolar deste curso! 

Que emocionante!

Agardamos que vos poñades ben creativos... pode ser moi difícil a elección da portada gañadora!



venres, 4 de abril de 2025

VISITA DA ESCOLA DE MÚSICA DO GROVE

Seguindo co noso proxecto da PDI "Pequen@s artistas", esta vez tocou afondar nunha das artes... a música!


Este martes tivemos a sorte de contar con varios profes da escola de música do Grove, así como do seu director, Carlos Oubiña, que viñeron ao noso cole para dar a coñecer os instrumentos de vento. 

Con eles, escoitamos un concerto didáctico no que ademais de descubrir o funcionamento destes instrumentos, tivemos a oportunidade de probalos e experimentar coa música en primeira persoa. Pasámolo xenial!

Esperamos que vos gustase a experiencia e animámos a todos os nenos e nenas que lles gustou algún dos instrumentos a visitar a escola e asistir gratuitamente ás clases de Linguaxe Musical todos os xoves de 16:00h a 17:30h. 

Pinchade neste enlace para ver máis fotos AQUÍ.

Moitas gracias pola visita!

martes, 1 de abril de 2025

RETO SEMANAL DE... ARQUITECTURA!

Nesta nova semana agárdanos na biblioteca un novo reto...nada máis e nada menos que tres niveis diferentes!

O primeiro é construir un iglú. O alumnado de infantil leu un conto sobre a historia de Malina, unha nena esquimó que ten que superar a proba do iglú, demostrando que xa é adulta. Credes que é unha tarefa sinxela? 

Neste reto deixamos nunha caixa con terróns de azucre, simulando os bloques de xeo. 

Esperamos ver as vosas creacións!

Outro dos retos está adicado a unha artista que se inspira na arquitectura para elaborar as súas pezas. Mel Edwards constrúe pequenos edificios en papel. O reto é poder relacionar cada número e/ou letra do abecedario coa foto do edificio no que está inspirado.

  

E a terceira proposta, é jenga cos edificios máis altos do mundo. Coas pezas rectangulares debedes levantar unha torre, cunha base de tres pezas, colocadas alternativamente en horizontal e vertical. 

Cada unha das pezas ten imaxes de ditos edificios, podedes xogar retirándoos por quendas ou localizalas no skyline que acompaña ao xogo, ou tentar conseguir nunha única partida retirar só o top 5 ou top 10 da clasificación. 

Pode ser misión imposible!