luns, 20 de abril de 2026

CONTACONTOS FAMILIARES EN ED.INFANTIL: INOA

 O pasado venres tivemos unha visita moi especial na aula. Veu Vanessa, a mamá de Inoa, para compartir con nós un momento cheo de emocións e aprendizaxes a través dos contos.

Vanessa presentounos dúas historias moi significativas: “Leo, el niño de los superpoderes invisibles” e “Alma”. A través destes relatos puidemos reflexionar sobre a importancia de valorar as distintas capacidades de cada persoa, entendendo que todos e todas temos algo único que nos fai especiais. Ademais, destacouse o papel fundamental das persoas que nos queren e nos acompañan no noso camiño, axudándonos a medrar e a crer en nós mesmos.

A visita tivo tamén un acompañamento moi especial: veu con ela o irmán pequeno de Inoa, que nos regalou momentos de tenrura e alegría.

Para rematar, Vanessa sorprendeunos cun fermoso detalle: uns corazóns cos nosos nomes escritos en braille e feitos con pintura que ilumina na escuridade. Un agasallo cargado de simbolismo que nos invita a lembrar que todos e todas levamos unha luz dentro… e que nunca debemos esquecer sacala para brillar.

Grazas, Vanessa, por esta experiencia tan bonita e enriquecedora!





Ningún comentario:

Publicar un comentario