Amosando publicacións coa etiqueta lingua galega. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta lingua galega. Amosar todas as publicacións

luns, 9 de novembro de 2026

SALNESIÑA NO CEIP AS BIZOCAS

Unha visita inesquecible: Salnesiña despídese do noso cole para continuar a súa aventura!

Estes días tivemos a enorme fortuna de recibir no noso colexio unha convidada moi especial: Salnesiña, a entrañable personaxe creada polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega da nosa comarca. A súa misión principal era clara: encher cada recuncho do centro de alegría, tradición e, sobre todo, de moita lingua.

Durante a semana que pasou con nós, Salnesiña non parou nin un segundo. Con ela viñeron os seus famosos mandadiños, unha serie de retos divertidos cos que todo o alumnado se implicou ao máximo. Grazas a eles, os corredores e as aulas enchéronse de saúdos e despedidas en galego, momentos máxicos compartindo historias fascinantes e, por suposto, as nosas cancións preferidas cantadas a pleno pulmón na nosa lingua.

Na seguinte ligazón poderedes ver un vídeo de como nos foi esta semana:

https://drive.google.com/file/d/1_LorCqNZclIf5XnZffqjIiC9LrFjG0vk/view?usp=sharing

O paso de Salnesiña polo colexio deixou unha pegada fonda. Axudóunos a lembrar que falar en galego é algo natural, divertido e que nos une como comunidade escolar. Ademais, demostrounos que os pequenos xestos do día a día, como dar os bos días ou cantar xuntos, son a mellor maneira de manter viva a nosa cultura.

Pero as grandes viaxes nunca se detienen. Agora, Salnesiña recolle o seu equipaxe e prepárase para continuar a súa aventura por os demais centros escolares da Comarca do Salnés, levando a súa enerxía e os seus mandadiños a novos nenos e nenas.

Desde aquí queremos darlle as grazas por esta semana tan marabillosa e desexarlle moita sorte na súa ruta. 



Boa viaxe, Salnesiña! Esperamos verte de novo moi pronto!

venres, 6 de novembro de 2026

PODCAST OS FUTBOLISTOS: FÚTBOL CLUB BARCELONA VS REAL MADRID

O Clásico que bota fume: Barça - Real Madrid

O partido que paraliza o mundo volveu cumprir coas expectativas. O Barça e o Real Madrid deixáronnos un choque cheo de ritmo, alternativas e moito debate para a nosa segunda sesión de Futbolistos.

Antes de entrar en materia, desde este espazo queremos mandar un forte abrazo e o noso recordo máis sincero á familia e achegados de Xesús de Miguel, xogador falecido esta última semana. O deporte galego está de loito. Descanse en paz.

As claves do partido

  • Posesión vs. Pegada: O Barça dominou o balón e puxo a circulación na medular, pero perdoou na área contraria. O Real Madrid castigou os espazos con unha eficacia clínica e solidez defensiva.

  • Os nomes propios: Kylian Mbappé foi o factor desequilibrante, aproveitando a súa velocidade para sellar o triunfo blanco. Pola banda culé, Raphinha tirou do carro cun gran despregamento físico, pero a falta de acerto colectivo pesou demasiado.


Conclusión

O Madrid sae reforzado en solidez mentres que o Barça ten deberes pendentes no remate.

E ti, como o viches? Deixa a túa opinión nos comentarios e escoita o podcast completo!

Ligazón podcast: 

https://drive.google.com/file/d/1KJdTNDSSuy_O_rC19qImZfZ2Qt6oGD50/view?usp=sharing

venres, 30 de outubro de 2026

CLUB DE LECTURA 5º E 6º: "PLAN DE RESCATE"

Unha vez desvelado o título do primeiro libro co que imos traballar no club  este curso ("Plan de rescate") o alumnado de quinto e sexto xa comezou a ler os seus primeiros capítulos, nos que poideron achegarse aos seus personaxes protagonistas.

Nesta sesión realizouse unha posta en común e intercambiáronse impresións sobre a obra para rematar cunha dinámica na que había que relacionar e identificar descricións e expresións que aparecían na lectura cos seus personaxes correspondentes. 

Esta historia comeza a poñerse realmente emocionante. Vémonos na seguinte sesión! 





venres, 23 de outubro de 2026

CONTACONTOS DE BEA CAMPOS NO DÍA DAS BIBLIOTECAS

              
E como colofón á celebración do DÍA DAS BIBLIOTECAS, tivemos a sorte de contar coa contacontos BEA CAMPOS, que nos deleitou coa súa particular versión do conto  "Os tres osos". Bea conseguiu co seu talento mergullar a grandes e pequenos no interior dunha maleta que se converteu nunha casa de osos na que non faltaba detalle.
FELIZ DÍA DAS BIBLIOTECAS!! 







sábado, 17 de outubro de 2026

O CLUB DE LECTURA...COMEZA A SÚA ANDADURA!

 Esta semana, o alumnado de quinto e sexto participante no Club de Lectura do C.E.I.P. As Bizocas asistiu á súa primeira xornada.

Tras a lectura dunha carta de benvida recibiron tamén un un marcapáxinas personalizado como agasallo para disfrutar das lecturas do curso.

Despois participaron nun emocionante xogo de escape no que tiveron que ir superando uns retos para descubrir o título da primeira lectura do curso. E o título do primeiro libro será...

  "Plan de rescate", de Antía Yáñez.