luns, 8 de xuño de 2026

CONTACONTOS EN ED. INFANTIL: LUZ

 O pasado venres 28 tivemos unha visita moi especial na nosa biblioteca. Luz, a nai da profe Lucía, achegouse ao cole para compartir co noso alumnado unha fermosa sesión de contacontos.

A primeira historia foi Estelaluna, a entrañable aventura dun pequeno morcego que, tras medrar nun niño de paxaros, intenta comportarse como eles ata descubrir que o máis importante é aceptarse a un mesmo e seguir a propia esencia. A segunda foi Un pouco perdido, un divertido conto no que un pequeno mouchiño busca á súa nai coa axuda dos animais que vai atopando polo camiño, demostrando o valor da amizade e da colaboración.

Dúas historias diferentes, pero cunha mensaxe común: a importancia de ser quen somos, de respectar as diferenzas e de axudarnos uns aos outros. Entre risas, preguntas e moita participación, pasamos un anaco moi agradable gozando da maxia dos libros e das historias compartidas.

Queremos agradecerlle a Luz a súa visita e o cariño co que nos agasallou esta actividade. Agardamos volver contar con ela moi pronto para seguir descubrindo novos contos e aventuras! 💛📖

Ningún comentario:

Publicar un comentario