No cole acabamos de estrear un espazo moi especial na aula de Orientación, que tamén é a nosa aula de convivencia. Chámase Bizocalma e nace ligado á biblioteca e ao PDI Bizocas en Órbita. Pero, sobre todo, nace pensando no máis importante: o benestar do alumnado.

Bizocalma é un lugar para facer unha pausa cando a necesitamos, para coñecernos mellor por dentro e aprender a manexar as emocións con calma. É un espazo pensado para relaxarnos, respirar e atopar ese momento de tranquilidade que ás veces precisamos durante o día.

Conta con diferentes recunchos e materiais que axudan a estar mellor: mandalas para colorear, slime, debuxos, unha pequena biblioteca de aula con libros sobre emocións, peluches e unha zona con alfombra e coxíns onde podemos simplemente descansar e desconectar un intre.
Este espazo é importante porque nos axuda a coidarnos, a entender como nos sentimos e a resolver conflitos dun xeito máis tranquilo e respectuoso. Porque aprender tamén é isto: saber parar, escoitarse e coidar o benestar propio e o dos demais.
E o mellor de todo é que Bizocalma é un espazo creado entre todas e todos. O gran arco da vella que o decora é un exemplo perfecto disto: cada curso pintou unha parte e deu forma a unha obra común chea de cor e significado. As emocións están representadas nel, como no propio arco da vella: moitas cores diferentes que, xuntas, forman algo fermoso e equilibrado.
A creación de Bizocalma está tamén estreitamente relacionada co noso PDI Bizocas en Órbita. Ao longo deste proxecto viaxamos polo espazo exterior para descubrir planetas, estrelas e galaxias, pero tamén aprendemos que existe outro universo igual de fascinante: o que levamos dentro de nós.

Neste proceso participou practicamente todo o centro. Queremos agradecer a todo o profesorado e alumnado por achegar ideas e participar da creación desta aula, facendo unha mención especial a María, que dirixiu con moito coidado a elaboración das letras coa plotter; a Luís, o conserxe, sempre disposto a axudar, pintar e facer todos os arranxos necesarios; a Sandra, que tamén participou no debuxo do proxecto; a Ana e Anxos, que dirixiron a actividade achegando ideas e orientacións moi valiosas; a Pilar, pola súa axuda constante en todo o que se precisou; e a Dolo, que coordinou e guiou toda a actividade do arco da vella, facendo posible que todas e todos participásemos.

Grazas a este traballo conxunto, Bizocalma non é só un espazo bonito, senón un espazo con alma, creado en equipo e pensado para mellorar a convivencia e o benestar de toda a comunidade educativa.

Ningún comentario:
Publicar un comentario