martes, 5 de maio de 2026

PODCAST SABICHÓN - XORNALISMO, GRAVACIÓN E XOGO ESPACIAL

🎙️ Sabichón aterra no mundo da comunicación!

O noso Podcast Sabichón non para de medrar e, nesta ocasión, deixamos os remos da nosa anterior invitada para mergullarnos de cheo no apasionante mundo da televisión! O alumnado de 5º de Educación Primaria —con Rocío, Zaira, Naima e Aarón á fronte dos micros— recibiu a dous convidados de luxo que saben moi ben o que é contar historias diante e detrás das cámaras: Carmen Chao e Manuel Tato Silva.


Unha vocación entre cámaras e micrófonos

Sabías que Carmen, antes de ser xornalista, soñaba con ser pintora? Aínda que a arte sempre a acompañou, pronto descubriu que a súa verdadeira paixón eran as palabras. Tras pasar por medios como a TVG, Carmen especializouse en Sevilla en Comunicación Audiovisual para entender todo o que pasa tras as cámaras. Despois dunha gran etapa en Telecinco, hoxe é unha cara imprescindible de Antena 3 Informativos.

Pero Carmen non veu soa! Acompañouna o seu marido e compañeiro, Manuel Tato Silva, cámara profesional e peza clave de Factoría Espacial. Esta produtora define á perfección o espírito que queremos no cole:

"Nacemos para contar historias que desafían os límites do posible. No noso espazo, non hai límites."

 

Preguntas con moito enfoque

Durante a charla, Rocío, Zaira, Naima e Aarón demostraron ser uns xornalistas de primeira. Interesáronse moito polo día a día do xornalismo e, sobre todo, por como é o traballo conxunto entre Carmen e Manuel. Como se coordinan unha xornalista e o seu compañeiro cámara.

Tamén houbo tempo para falar de soños: Manuel confesounos algún proxecto pendente ao que lle ten moitas ganas e que agardamos ver pronto na pantalla. Ademais, transmitíronnos o seu compromiso coa igualdade e a importancia de dar voz ás historias que máis o precisan.



O reto final: "Palabras encadeadas espaciais"

Como non podía ser doutra forma, o alumnado preparou un desafío final seguindo a liña do noso PDI (Proxecto Documental Integrado) deste ano. Carmen e Manuel tiveron que enfrontarse ao xogo das "Palabras encadeadas espaciais". Foron quen de non romper a cadea co vocabulario máis galáctico?

Non te perdas este episodio cheo de comunicación, compromiso e moita "maxia espacial"! Podes escoitalo aquí mesmo:

https://drive.google.com/file/d/1jE9DPHNXdQnV4hr9ZWgY2YzzMvJruHp2/view?usp=sharing


Ningún comentario:

Publicar un comentario