venres, 8 de maio de 2026

CELEBRAMOS O DÍA DA POESÍA CO ALUMNADO DO IES

Con motivo do Día Mundial da Poesía, 21 de marzo, esta semana vivimos unha experiencia moi especial xunto co alumnado do IES, concretamente cos rapaces e rapazas de 2º da ESO. Unha xornada chea de arte, improvisación, música e traballo en equipo que desfrutamos un montón!

 

Despois da actividade realizada con Didier, que nos ensinou a traballar co LaunchPad e a crear bases musicais e ritmos, puxemos en práctica todo o aprendido dunha forma moi divertida e creativa. O alumnado organizouse en pequenos grupos e preparou diferentes improvisacións poéticas acompañadas de bases musicais, nas que uns recitaban mentres outros pinchaban e controlaban a música coa tablet. Toda unha experiencia de auténticos artistas!

 

Seguindo a temática do PDI deste curso, centrada no espazo, cada grupo escolleu un poema relacionado co universo, as estrelas, os planetas.. de diferentes autores como Manuel MAría, Rosalía de Castro, Xavier Seoane, Mario Benedetti... entre outros. Así, fomos compartindo versos e creacións tanto co alumnado do cole como co do instituto, creando un ambiente moi especial no que a poesía e a música se mesturaron á perfección.

 

Pero a cousa non quedou aí! 
Tamén tivemos unha parte máis improvisada, na que apareceron poemas espontáneos e momentos moi divertidos. O alumnado do IES e do cole animouse a recitar e pinchar xuntos, colaborando e desfrutando dunha actividade diferente, creativa e moi enriquecedora para todos e todas.

Para rematar esta xornada tan bonita, os compañeiros e compañeiras do instituto levaron un pequeno detalle de recordo: un boli coa frase do noso cole:

“Apertas salgadas dende o CEIP As Bizocas”

 

Queremos agradecer especialmente a Belén, a profe de música do IES, por participar, colaborar activamente e organizar esta actividade tan especial. Grazas polo teu entusiasmo e por facer posible momentos así, nos que aprendemos, compartimos e desfrutamos tanto.

Agardamos repetir moi pronto… porque a poesía, cando se comparte, soa moito mellor! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario