luns, 18 de maio de 2026

XORNADA DE CONVIVENCIA NO CEIP CONMENIÑO POLAS LETRAS GALEGAS

 O pasado 15 de maio vivimos unha xornada moi especial para celebrar o Día das Letras Galegas! Nesta ocasión fomos convidados polo CEIP Conmeniño a compartir unha mañá de convivencia chea de xogos, música e moi bo ambiente.

Chegamos ao cole veciño ás 10:00 da mañá e comezamos a xornada participando en diferentes xogos tradicionais preparados por cada aula. Houbo tempo para rir, colaborar, movernos e descubrir algúns deses xogos de sempre que forman parte da nosa cultura popular. Foi unha oportunidade xenial para compartir momentos, facer equipo e coñecer mellor aos compañeiros e compañeiras do Conmeniño, así como o seu cole e as suas instalacións. 



Ás 11:00 chegou un dos momentos máis esperados do día coa actuación de Cinco en Zocas. Este grupo galego, coñecido por mesturar música tradicional, humor e moita participación do público, fíxonos cantar, bailar e pasalo en grande coa súa enerxía e os seus ritmos populares. 

Despois tocou facer unha pequena parada para o recreo e a merenda, recuperando forzas para seguir gozando da mañá. 

E para rematar, ás 12:00, xuntámonos todos e todas para cantar “Somos os mecos do Grove”, acompañando a canción co son das pandeiretas. Foi un momento moi bonito no que as voces e a música dos dous colexios se uniron para celebrar a nosa lingua, a nosa cultura e as Letras Galegas. 

Ademais, ao despedirnos, levamos unha sorpresa moi especial: agasalláronnos cun chaveiro precioso feito por eles mesmos para recordar este Día das Letras Galegas e a fermosa xornada de convivencia vivida xuntos. Un detalle cheo de cariño que gardaremos con moita ilusión! 

Sen dúbida, foi unha experiencia inesquecible chea de convivencia, amizade e moitas ganas de seguir celebrando xuntos a nosa cultura. 


Moitas grazas ao CEIP Conmeniño por convidarnos e facernos sentir como na casa! 😊

Ningún comentario:

Publicar un comentario