venres, 20 de febreiro de 2026

CONTACONTOS FAMILIARES EN ED.INFANTIL: EMMA

 Hoxe tivemos unha visita moi especial en Educación Infantil:


O pai e a nai de Emma viñeron compartir con nós un momento precioso arredor da lectura. Foi o seu papá, Emmanuel, quen nos leu o conto “Vera la aventurera”, da colección As Fantasticotas, o libro preferido de Emma.

Contounos que na casa len un cachiño cada día, convertendo a lectura nun momento especial en familia. E hoxe Emma tamén quixo formar parte da historia: axudou ao seu pai lendo algunha páxina, con moita ilusión e seguridade. Foi un orgullo vela participar así!

O alumnado estivo moi atento, gozando da historia e da sorpresa de ter uns papás contacontos outro día máis. Encántanos abrir as portas da nosa biblioteca ás familias e compartir xuntas experiencias que fomentan o amor polos libros desde ben pequeniños.

Moitas grazas á familia de Emma por vir, por compartir o seu tempo e por regalarnos este momento tan bonito!

ENTROIDO GALÁCTICO 2026

 O noso centro celebrou un Entroido Galáctico inesquecible! 🚀✨

Este ano viaxamos polo universo con disfraces de planetas, estrelas e astronautas, e preparamos un divertido photocall galáctico no que participaron todos os cursos, deixando fotos cheas de creatividade e ilusión. Podedes ver todas as fotos AQUÍ.


Visita ao IES As Bizocas 

Un dos momentos máis especiais foi a visita ao IES As Bizocas, que nos convidou ao seu Festival de Bandas Sonoras. Estamos moi agradecidos pola invitación e pola acollida. Grazas Belén, a profe de música do IES e a todo o claustro por convidarnos!

Encantounos ver a conexión do alumnado, o ben que se organizaban e o bo ambiente que había.

Nós tamén actuamos co baile que preparamos en Música e Danza: “Carnivalito” de Shenigans. É unha peza moi alegre e dinámica, con ritmos inspirados no entroido latinoamericano, que nos fixo traballar a coordinación e, sobre todo, gozar bailando en grupo.




Merenda e desfile 

De volta ao cole, compartimos unha deliciosa merenda doce típica de Entroido. Moitísimas grazas ás familias pola vosa colaboración e por acompañarnos.


Aínda que non o tiñamos claro polo tempo, a choiva deunos unha tregua e puidemos facer o desfile fóra. Lucimos os nosos disfraces galácticos e bailamos de novo para as familias.

Foi un día cheo de alegría, convivencia e moita festa. Grazas ás familias por participar e formar parte destes momentos tan especiais! 💙✨

venres, 13 de febreiro de 2026

OBRADOIRO CIENTÍFICO POLO DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA


x

O mércores 11 de febreiro celebramos no cole o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia dunha maneira moi especial: coa visita do obradoiro “Ciencia en Movimiento”, cun taller en sobre o espazo e o sistema solar, seguindo co noso proxecto sobre o Universo.

Durante a xornada, todo o alumnado de Educación Infantil e Educación Primaria asistiu á exposición e puido ver e participar en diferentes experimentos que nos axudaron a comprender mellor as estrelas, as galaxias e o espazo.

Tamén coñecemos o traballo de mulleres científicas moi importantes na historia da astronomía. Faláronnos de Henrietta Leavitt, cuxos estudos sobre as estrelas permitiron medir mellor as distancias no Universo, e de Jocelyn Bell Burnell, descubridora dos púlsares cando aínda era estudante.

Foi unha actividade moi interesante e enriquecedora, na que aprendemos ciencia e puxemos en valor o papel das mulleres no mundo científico.

Seguimos explorando o Universo con curiosidade e ilusión! 🚀✨

xoves, 12 de febreiro de 2026

CONTACONTOS FAMILIARES EN ED. INFANTIL: SABELA

 Esta semana tivemos unha visita moi especial no cole. A familia de Sabela quixo compartir con nós un momento moi bonito e veu Maribel a facernos un fantástico contacontos.

Maribel contounos dúas historias moi divertidas: “A vaca que puxo un ovo” e “Primeira semana na escola de vacas”. Escoitamos con moita atención e participamos durante os contos. Fíxoo xenial e encantounos a súa maneira de contar as historias!


Pero a sorpresa non acabou aí…  Tamén trouxo un proxector de estrelas e constelacións, que nos permitiu observar o teito da aula como se fose o ceo nocturno. Foi unha experiencia máxica que nos axudou a seguir aprendendo sobre o Universo, relacionándoo co noso proxecto.

Moitas grazas á familia de Sabela e, especialmente, a Maribel por compartir este momento tan especial con nós. Encántanos contar coa participación das familias no cole! 



luns, 9 de febreiro de 2026

OS RELATOS DE MEDO XA ESTÁN AQUÍ!

Nas últimas sesións do club de lectura fomos á Radio Sabichón do cole para vivir unha experiencia moi especial. Despois de ler Relatos de pantasmas, traballamos en grupo para crear os nosos propios relatos de medo, cheos de misterio e imaxinación.

Cando os relatos estiveron listos, gravámolos na radio. Alí aprendemos como funciona unha emisora, usamos os micrófonos e sentimos o que é falar na radio de verdade. Foi unha actividade moi divertida e diferente.

Encantounos a experiencia e pasámolo xenial como locutores por un día. Os audios xa están listos para escoitar! 

PINCHADE AQUÍ!


venres, 6 de febreiro de 2026

OBRADOIRO CIENTÍFICO: HOLOGRAMAS DO SISTEMA SOLAR POLO DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA




Este mércores 11 de febreiro tivemos no cole unha actividade moi especial dentro do PDI sobre o espazo

alumnado de 5º de Educación Primaria foi o encargado de impartir un obradoiro científico, organizado coa axuda da súa profe Sandra, que coordinou todo con moito agarimo.

O obradoiro celebrouse o mércores 11 de febreiro, coincidindo cunha data moi significativa: o Día da Muller e a Nena na Ciencia. Unha ocasión perfecta para seguir espertando a curiosidade científica no noso alumnado.

Durante a actividade, explicaron que son os hologramas, como funcionan e para que se utilizan, e puidemos ver o sistema solar a través deste efecto, facendo a aprendizaxe aínda máis visual, sorprendente e divertida 

Unha experiencia na que o alumnado aprende, investiga e comparte coñecementos, converténdose en auténticos divulgadores científicos.

📅 Incluímos o horario de cada clase para que todos e todas poidan participar nesta interesante proposta.


Parabéns ao alumnado de 5º e á súa profe pola iniciativa e polo traballo realizado.

Seguimos explorando o espazo… desde o cole 🚀

xoves, 5 de febreiro de 2026

TEMOS UNHA MISIÓN ESPACIAL MOI ESPECIAL: COIDAR O NOSO PLANETA

No noso cole estamos inmersos no PDI sobre o espazo, pero estes días a aventura levounos un pouco máis preto… ¡ata a Terra! 🌎

Os nenos e nenas de Educación Infantil convertéronse en auténticos astronautas da reciclaxe e percorreron as aulas de Primaria cunha misión moi importante: pedir axuda para poñer en marcha e coidar o composteiro do cole.



Pero… 🤔 que é iso do composteiro?
O composteiro é un lugar onde botamos restos orgánicos, como peles de froita ou restos de comida, para que se transformen en compost, un abono natural moi bo para as plantas. Así reducimos o lixo, reciclamos e axudamos a coidar o planeta. Un pequeno xesto que ten un impacto enorme no futuro da nosa Terra .

A resposta non puido ser mellor: todos os cursos de Primaria se animaron a participar, escoitando con atención, facendo preguntas e comprometéndose a colaborar. 

Queremos dar as grazas aos nenos e nenas de Infantil por esta fantástica iniciativa, e tamén a todos os cursos de Primaria pola súa participación e ganas de axudar.

Seguimos coa nosa viaxe polo espazo… sen esquecer que o noso planeta é o máis importante de todos.

¡Boa misión, equipo!

mércores, 4 de febreiro de 2026

CONTACONTOS FAMILIARES EN ED. INFANTIL: ANTÓN

 Esta semana tivemos no cole un contacontos moi especial da man da mamá de Antón, que nos leu o conto Avós.

É unha historia chea de tenrura que fala do amor entre avós e netos/as, dos recordos compartidos e da importancia da familia. 

Desde o cole queremos agradecer á familia de Antón a súa colaboración e por compartir con nós esta fermosa experiencia.
Grazas por achegar a lectura e o agarimo á escola!

martes, 3 de febreiro de 2026

INVESTIGANDO A LÚA EN INFANTIL

O alumnado e as profes de Educación Infantil seguen a tope co PDI do cole sobre o espazo e, nesta ocasión, puxeron o foco na nosa veciña máis próxima: a Lúa 🌕

Para aprender máis sobre ela, investigaron na biblioteca, buscaron información, observaron imaxes e descubriron que a Lúa non sempre se ve igual no ceo. Así coñeceron as fases da Lúa e entender
on por que vai cambiando de forma ao longo do mes.

Despois de investigar, puxéronse mans á obra e realizaron unha manualidade coa que puideron representar e comprender mellor cada unha das fases. 


Así dá gusto seguir explorando o espazo… ¡Moi ben! 

UNHA CANCIÓN POLA PAZ...QUE CHEGOU ATA O ESPAZO

 No cole celebramos o Día da Paz dun xeito moi especial. Este ano propuxémonos crear algo entre todo o alumnado e así naceu unha canción colectiva na que participou todo o centro.

Cada clase escribiu unha estrofa, relacionando a paz co noso PDI deste curso: o espazo

Cando tivemos a canción preparada… chegou o momento máis emocionante! Gravámola no novo espazo de radio do cole, converténdonos por un intre en auténticos locutores e locutoras. Foi unha experiencia moi divertida e especial para todo o alumnado.

O resultado é unha canción feita entre todos e todas, que nos lembra que a paz tamén pode viaxar polo universo.


Podedes escoitala pinchando AQUÍ

Deixámosvos a continuación a letra:


                                                                 ESTE 30 DE XANEIRO 

TODOS IMOS CELEBRAR 

UN DIA MOI IMPORTANTE

O DIA MUNDIAL DA PAZ


TODOS XUNTOS CONSTRUIREMOS

UN MUNDO ESPECTACULAR

COIDAREMOS O PLANETA

AXUDANDO ÓS DEMAIS


NUN FOGUETE IMOS MONTAR

E ATA A LÚA CHEGAREMOS

E DENDE ALÍ IMOS BERRAR:

NON Á GUERRA E SI Á PAZ!


VIAXAREMOS TODOS XUNTOS

AO INCRIBLE MUNDO DA PAZ

AXUDAREMOS ÁS PERSOAS

E CONVIVIREMOS EN PAZ


TODOS XUNTOS CONSTRUIREMOS

UN MUNDO ESPECTACULAR

CONQUISTAREMOS PLANETAS

ONDE SEMPRE REINE A PAZ


BAIXO UN MESMO SORRISO

NON HAI MUROS NIN FRONTEIRAS

UNINDO AS NOSAS VOCES

SEREMOS UNHA BANDEIRA


UN DÍA PARA COMPARTIR

MIL RAZÓNS PARA SORRIR

NON BUSCAMOS O CONFLITO

SENON RESPECTO E PAZ


ESTA CANCIÓN REMATARÁ

A PAZ SEMPRE DURARÁ

NESTE 30 DE XANEIRO

CANTAREMOS SEN PARAR

 ESTE 30 DE XANEIRO 

TODOS IMOS CELEBRAR 

UN DIA MOI IMPORTANTE

O DIA MUNDIAL DA PAZ


TODOS XUNTOS CONSTRUIREMOS

UN MUNDO ESPECTACULAR

COIDAREMOS O PLANETA

AXUDANDO ÓS DEMAIS


NUN FOGUETE IMOS MONTAR

E ATA A LÚA CHEGAREMOS

E DENDE ALÍ IMOS BERRAR:

NON Á GUERRA E SI Á PAZ!


VIAXAREMOS TODOS XUNTOS

AO INCRIBLE MUNDO DA PAZ

AXUDAREMOS ÁS PERSOAS

E CONVIVIREMOS EN PAZ


TODOS XUNTOS CONSTRUIREMOS

UN MUNDO ESPECTACULAR

CONQUISTAREMOS PLANETAS

ONDE SEMPRE REINE A PAZ


BAIXO UN MESMO SORRISO

NON HAI MUROS NIN FRONTEIRAS

UNINDO AS NOSAS VOCES

SEREMOS UNHA BANDEIRA


UN DÍA PARA COMPARTIR

MIL RAZÓNS PARA SORRIR

NON BUSCAMOS O CONFLITO

SENON RESPECTO E PAZ


ESTA CANCIÓN REMATARÁ

A PAZ SEMPRE DURARÁ

NESTE 30 DE XANEIRO

CANTAREMOS SEN PARAR

luns, 2 de febreiro de 2026

CONTOS QUE VIAXAN DE AULA EN AULA NO CLUB DE LECTURA

No noso cole as historias tamén se preparan con moito coidado… e con moito corazón.
O alumnado do Club de Lectura está a traballar con gran esmero na preparación de contacontos dirixidos aos máis pequenos e pequenas do centro: Educación Infantil e 1º ciclo de Primaria.

Están a escoller os contos, ensaiar as lecturas, pensar como contar mellor as historias e poñerlles emoción para que cada sesión sexa un momento especial. 


Todo este traballo verá a luz moi pronto, xa que os contacontos serán lidos dentro dos Plans Lectores, convertendo as aulas en auténticos recunchos máxicos cheos de palabras, imaxinación e soños.

Adxuntamos o calendario coas datas nas que se levarán a cabo os contacontos, para que todos e todas poidamos estar atentos a esta actividade tan especial.