martes, 28 de outubro de 2025

CONTACONTOS FAMILIARES NO 1.º CICLO: GAEL

2.ª sesión de CONTACONTOS FAMILIARES!!!

Que ben estamos a pasalo cando nos visitan as familias a lernos un conto. 

Nesta ocasión acompañounos a mamá de Gael, e trouxo un libro fantástico titulado "EL HILO INVISIBLE", no que a súa protagonista, Nura, descubriu o segredo que garda o embigo.

Se queredes saber que sucede, podedes ver un vídeo clicando na seguinte imaxe.

 

 Sen dúbida un libro marabilloso que nos emocionou a todos/as.

  Grazas por vir Lisi! Esperámoste cando queiras!

luns, 27 de outubro de 2025

CELEBRAMOS O DÍA DAS BIBLIOTECAS!

Esta semana continuamos coa nosa Semana da Biblioteca, e fixémolo por todo o alto coa celebración do Día das Bibliotecas, o 24 de outubro.


Aproveitando o fío condutor do noso proxecto "Bizocas en órbita" —o espazo—, seguimos a divertirnos e aprender cos diferentes retos espaciais que preparáramos:


✨ Con imáns, construímos elementos do espazo, como estrelas, planetas ou cohetes.


🧱 Con Legos, deseñamos as nosas propias naves espaciais.


🌕 Cos Kapla, recreamos as fases da Lúa.


🎲 Cos Story Cubes, inventamos e contamos historias orais sobre o espazo.


🌌 E co proxector de imaxes, aprendemos a recoñecer galaxias, a Vía Láctea, o Sol e os planetas.


As voluntarias da biblioteca tiveron un papel fundamental nesta celebración: foron as encargadas de explicar, guiar e axudar en cada actividade, e fixérono de marabilla.

 Grazas a elas, todo funcionou á perfección e pasámolo xenial! 👏

Deste xeito, entre xogos, aprendizaxe e moita ilusión, celebramos o Día das Bibliotecas, un día especial para lembrar que os libros e a lectura tamén poden levarnos tan lonxe como unha nave espacial. 🌠

📖💫 Feliz Día das Bibliotecas! Pinchade AQUÍ para ver máis fotos!

domingo, 26 de outubro de 2025

LANZAMOS AS MOCHILAS VIAXEIRAS POLO DÍA DAS BIBLIOTECAS!

Xa están en marcha as mochilas viaxeiras no CEIP As Bizocas.

Cada curso recibiu a súa mochila, preparada para que alumnado e familias poidan ler xuntos, explorar e compartir durante unha semana.

Que traen as mochilas?

  • Libros, cómics, revistas, xogos… un conxunto sorpresa que agarda por descubrir.

  • Un diario para que cada un reflexione sobre as lecturas que máis lle gustaron: poderán facer debuxos, resumir, poñer fotos lendo… 

Como funciona?

As voluntarias da biblioteca foron as encargadas de repartir as mochilas en todas as aulas e de explicar como funcionan. 
É importante respectar os prazos e coidar o contido da mochila para que todos e todas podamos gozar dela ao máximo. 
E ademais… se vos apetece, podedes enviar fotos dunha lectura en familia ao correo do colexio (ceip.asbizocas@edu.xunta.gal), para que vexamos o ben que o pasades xuntos!

Por que esta iniciativa?

Porque queremos promover a lectura compartida, conectar a casa coa escola e facer da biblioteca un espazo vivo, dinámico e participativo. As mochilas viaxeiras son unha ponte entre o cole e o fogar, unha forma divertida de que a lectura saia da aula e entre no salón, no fogar, na familia.


 Agardamos que cada semana sexa unha nova aventura lectora! 📖✨

venres, 24 de outubro de 2025

O NOSO CLUB DE LECTURA COMEZA!

 O Club de Lectura da biblioteca xa está en marcha, e este trimestre comezamos cun libro moi axeitado para estas datas de Samaín: Relatos de Pantasmas de Steven Zorn. Unha escolma de contos de medo cheos de misterio, fantasmas e sustos… pero tamén moita diversión!

Para motivar ao grupo e espertar a curiosidade, organizamos un xogo de pistas dentro da biblioteca. As pistas íannos levando a recoñecer o libro: algunha imaxe de  partes do libro e o símbolo da marca de Samaín no lombo do libro, servían para recoñecer que se trataba dunha historia de medo.

A medida que avanzaban, os participantes tiñan que empregar o tejuelo (a etiqueta do lombo do libro) para localizar o exemplar correcto nos andeis da biblioteca. Foi unha forma moi divertida de aprender a orientarse entre os libros e de coñecer mellor como funciona a clasificación da biblioteca! 📖🔍

Unha vez atopado o libro, fixemos unha lectura conxunta da presentación, falamos sobre o autor e o tipo de relatos que imos atopar… e deixamos marcada a tarefa para a próxima sesión: ler os dous primeiros capítulos.



O misterio está servido… 👻

Agora só queda mergullarse na lectura e descubrir que pantasmas nos agardan entre as páxinas!

martes, 21 de outubro de 2025

SEMANA DA BIBLIOTECA: RETOS E LANZAMENTO DA MOCHILA VIAXERIA!

venres celebramos o Día das Bibliotecas, e por iso teremos uns días moi especiais cheos de retos lectores e actividades para todos os cursos.

Durante toda a semana realizaremos retos no Plan Lector, guiados polas nosas voluntarias de 6.º de Primaria, que xa están preparadas para acompañar, animar e axudar a todos os grupos. 💪📖

Aquí tes o calendario dos retos:

E ademais... ¡temos unha gran novidade! 🎒
venres, coincidindo co Día das Bibliotecas, lanzaranse as Mochilas Viaxeiras en todos os cursos, para que todos os nenos e nenas do cole poidan levar libros á casa e compartir a lectura en familia.

Así que esta semana vai ser moi especial e dedicada á nosa biblioteca, ese lugar cheo de historias, maxia e aventuras onde sempre hai algo novo por descubrir.

📚💛 Preparade os vosos libros, as vosas mochilas e a vosa imaxinación... comeza a Semana da Biblioteca!

luns, 20 de outubro de 2025

CONTACONTOS FAMILIARES NO 1.º CICLO: NOAH SISTO

Hoxe demos comezo ás sesións de contacontos familiares no 1.º ciclo, unha actividade que tiñamos moitas ganas levar a cabo tanto os nenos/as como as profes.

Nesta 1.ª sesión acompañáronnos a mamá e o papá de Noah Sisto, quenes nos tiñan preparada unha gran sorpresa. Trouxeron dous libros do espazo, o tema que como ben sabedes estamos a traballar este ano en todo o colexio.

Noah e a súa mamá foron os encargados de dicirnos unha gran cantidade de información sobre os planetas, o sistema solar, as estrelas... Quedamos todos abraiados con todo o que aprendemos sobre o universo.

Queredes saber cales son os libros que trouxeron?... pois aquí están:


Antes de despedirnos démoslles un pequeno agasallo como recordo deste día

Fixérono moi ben!!! 

Grazas por vir!!! Agardámosvos noutra ocasión!!!

AS NOVAS MOCHILAS VIAXEIRAS CHEGAN A EDUCACIÓN INFANTIL!

Nestes días tivemos unha sorpresa moi especial na nosa biblioteca... ¡chegaron as novas mochilas viaxeiras! 🎉

Grazas ás voluntarias de biblioteca de 5.º e 6.º, que se encargaron de preparalas e repartilas con moita ilusión, agora cada neno e nena de Educación Infantil poderá levar unha mochila á casa cada semana.

Deste xeito, as mochilas viaxeiras fan que os libros viaxen, conten historias e enchan de ilusión moitas casas.
Porque ler non é só cousa da escola… ¡é unha aventura que continúa tamén na casa! 🏡✨

Unha vez máis, grazas ás nosas voluntarias por facer posible este proxecto tan fermoso e por axudar a que os contos cheguen a todos os nenos e nenas de Infantil.

📚 Boas lecturas!

CONTACONTOS NA AXENCIA DE LECTURA DE SAN VICENTE

 O pasado 15 de outubro, tivemos unha mañá moi especial na Axencia de Lectura de San Vicente. Alí agardábanos un grupo moi divertido: Mon e Pe, ou o que é o mesmo... os Ghazafelhos!

Chegaron con moita enerxía e convidáronnos a buscar contos na biblioteca onde o protagonista é o lobo. Pero non calquera lobo… ¡estes lobos teñen moitas caras e moitas historias! Houbo lobos simpáticos, lobos asustados, lobos que cambian, e tamén lobos que nos fixeron rir a gargalladas. 

Durante 50 minutos de espectáculo, nenas e nenos do CEIP As Bizocas convertéronse en auténticos contacontos, axudando a Mon e Pe a dar vida ás historias. Xuntos traballamos a creatividade, a expresión corporal e oral, e sobre todo, o respecto polos demais.

Tamén aprendemos algo moi importante: os contos poden ensinarnos que non todos somos iguais, pero todos merecemos ser tratados con respecto, sen importar se somos lobos, porquiños, princesas ou heroes.
Foi unha actividade chea de risas, participación e aprendizaxe, onde a lectura e o teatro uníronse para facernos pasar un rato marabilloso.

👏 Grazas aos Ghazafelhos por facernos soñar e aprender cos contos!

O VOLUNTARIADO DE BIBLIOTECA XA ESTÁ EN FUNCIONAMENTO!

Na nosa biblioteca temos un equipo moi especial: as voluntarias de 5.º e 6.º curso que axudan a que todo funcione mellor.
Nesta foto vedes como dúas voluntarias axudan a renovar a biblioteca de aula de 2º de EP realizando os préstamos en MEIGA.

Como sabedes, levamos un tempo empregando a biblioteca tamén no tempo de lecer. Isto é posible grazas ao alumnado de 5.º e 6.º voluntarios/as que axudan nas diferentes tarefas que se levan a cabo. 

¿Que fan as voluntarias?

Algunhas das súas tarefas son:

  • Organizar a biblioteca e colocar os libros nas súas estanterías.

  • Decorar o espazo, atendendo ás celebracións, á época do ano e aos proxectos do cole. 

  • Axudar cos préstamos e devolucións dos libros. 

  • Levar rexistros de incidencias (por exemplo, se algún libro está danado ou falta algo).

  • E, moi importante: axudar e ensinar aos compañeiros e compañeiras a escoller un libro bonito para ler. 

¿Por que son tan importantes?

  • Porque fan que a biblioteca sexa un lugar máis agarimoso, acolledor e ordenado.

  • Porque ao participar aprendemos a ser responsables e a colaborar co noso espazo común.

  • Porque fano ver que ler e prestar servizo aos compañeiros pode ser algo divertido.




Grazas voluntarias pola vosa labor!
 

domingo, 12 de outubro de 2025

COMEZAMOS O CLUB DE LECTURA!

Esta semana tivemos a primeira sesión do Club de Lectura do curso 25/26 e pasámolo xenial.  Para celebrar o comezo, cada participante recibiu un pequeno agasallo: un lapis! ✏️✨

Nesta primeira xuntanza comezamos deseñando o logo do club e inventando o seu nome, para que sexa algo moi noso e especial. Tivemos moitas ideas divertidas e creativas! 💡📖

Xuntaremonos unha vez cada dúas semanas, para ler, facer actividades, sorpresas, preparar contacontos...quen sabe o que nos vai deparar a lectura!

Isto só é o comezo dunha gran aventura lectora! 🚀 Que faremos nas vindeiras sesións?


mércores, 8 de outubro de 2025

"BIZOCAS EN ÓRBITA": O NOVO PADLET COLABORATIVO DO CURSO XA ESTÁ EN MARCHA!

 Boas amiguiñ@s! 🚀 

Despois do éxito do Padlet do curso pasado -que poderedes bichear pinchando AQUÍ —, serviu como escaparate para amosar todo o traballo arredor do noso proxecto de centro, este ano repetimos experiencia... pero máis alá das estrelas!

Dámoslle a benvida a “Bizocas en Órbita”, o novo Padlet colaborativo onde as mestras poderán ir subindo as distintas actividades e propostas que se vaian desenvolvendo nas aulas en relación ao Proxecto Documental Integrado deste curso: o ESPAZO 🌌🪐🌍.

🛰 Que é "Bizocas en Órbita"?

Un mural dixital onde, aula a aula, iremos compartindo fotos, vídeos, murais, experimentos, contos, cancións, xogos, exposicións... todo aquilo que nos leve a coñecer mellor o universo que nos rodea. Igual que fixemos no curso 2024-25, queremos construír entre todos e todas un espazo visual onde se vexa o gran traballo que se fai día a día nas aulas.

🌠 Para que serve?

  • Documentar o proceso de traballo do PDI en cada etapa.

  • Facer visible a creatividade e implicación do alumnado.

  • Compartir ideas e inspirarse mutuamente.

  • Crear unha memoria colectiva do proxecto anual.

🌌 Como participar?

📎 O acceso ao Padlet xa está dispoñible para todos, para ver e incluir información. Só tedes que entrar na ligazón, premer no botón “+” para engadir unha nova publicación, e incorporar o voso contido.

💡 Non esquezades:

  • Poñer o curso/aula no título.

  • Engadir unha breve descrición da actividade.

  • Incorporar imaxes ou vídeos se os hai.


👉 Podes ver o novo Padlet aquí:

📸 Se o Padlet do ano pasado foi un éxito, este ten que chegar ata a Lúa!


Animádevos a participar desde xa e a encher o noso mural intergaláctico coas vosas propostas.


mércores, 1 de outubro de 2025

A BIBLIOTECA ABRE AS SUAS PORTAS NO RECREO CON MOITAS SORPRESAS

A nosa biblioteca escolar abre hoxe as súas portas para todo o alumnado e para celebralo realizamos un xogo de pistas para coñecer nada máis e nada menos que... o título da nosa PDI!

 
Recorremos o cole en busca de todas as pistas, onde en cada recuncho se atopaba unha das sílabas que conforman o título da nosa PDI: BIZOCAS EN ÓRBITA!


Ao rematar, démonos cita na biblioteca, para coñecer a derradeira sorpresa do día: 

O alumnado de 5º e 6º tíñanos preparado un vídeo con diferentes entrevistas que foron facendo por todas as clases para saber que querían saber os nenos e nenas das Bizocas sobre o espazo.
  Aquí podedes velo! 



Noraboa rapaces polo traballo, e agora si...

¡A biblioteca agárdate!


CONCURSO DE DEBUXO: DESEÑA LOGO DO PDI 25/26!

 Xa temos aquí o concurso para o deseño do logo do PDI deste curso:

Os requisitos son: 

  • Debe levar o nome do proxecto: "BIZOCAS EN ÓRBITA".
  • Debe incluir o nome do cole e o ano CEIP AS BIZOCAS 25/26 .
  • Facer un debuxo relacionado co espazo e o universo.


Moita sorte! O prazo rematará o 15 de outubro!