martes, 14 de abril de 2026

O PASAPORTE LECTOR DO TERCEIRO TRIMESTRE XA ESTÁ EN MARCHA!

 Gústache ler? Entón esta proposta é para ti!

No noso cole xa puxemos en marcha o Pasaporte Lector do terceiro trimestre, unha iniciativa pensada para animarvos a descubrir novas historias e gozar da lectura.

Participar é moi doado:
👉 Cada vez que remates un libro, cobre un pasaporte lector e entrégao no Buzón Sabichón da biblioteca.

Podes presentar pasaportes tanto de libros emprestados na biblioteca do cole como de libros que leas pola túa conta. Todas as lecturas contan!


Ademais, o alumnado que entregue máis e mellores pasaportes lectores será recoñecido… así que xa sabes:
📖 canto máis leas, máis oportunidades terás!

⏰ Data límite de entrega: 29 de maio
Non o deixes para o último día!

Ler abre portas a mundos novos…
✨ Anímate a participar, goza da lectura e deixa o teu pasaporte no buzón!

luns, 13 de abril de 2026

UN CONTACONTOS DOUTRO PLANETA

O pasado venres tivemos no cole unha visita moi especial: o grupo de teatro Trémola achegouse cun contacontos enmarcado no noso proxecto PDI Bizocas en órbita.

A historia contábanos a aventura dunha nena que soñaba con viaxar ao espazo e que, para conseguilo, decidiu adoptar unha estrela. Coa axuda e participación dos nenos e nenas, foi superando retos e achegándose pouco a pouco ao seu obxectivo. A través desta viaxe, tamén fomos coñecendo a historia de mulleres que abriron camiño no mundo da exploración espacial, como Valentina Tereshkova, converténdose en verdadeiras mulleres referentes.

Foi unha experiencia moi bonita, chea de imaxinación, participación e ilusión

venres, 10 de abril de 2026

SONORIZAMOS A "LÚA" EN MÚSICA E DANZA

 No marco do proxecto de centro Bizocas en órbita, o alumnado de 4º de Educación Primaria, na área de Música e Danza, mergullouse nunha experiencia moi especial: a preparación do conto cantado e musicado Lua, da colección Do berce á lúa de Kalandraka.

Ao longo de varias sesións, o alumnado traballou a interpretación musical e vocal, acompañando a historia con instrumentos Orff como carillóns, metalófonos, xilófonos e pequena percusión. O resultado foi unha proposta chea de ritmo, sensibilidade e ilusión.

O mellor de todo chegou cando tiveron a oportunidade de compartilo co alumnado de Educación Infantil. Foi un momento moi especial no que maiores e pequenos gozaron xuntos da música e do conto. Pasárono xenial cantando, tocando e deixando voar a imaxinación.

A continuación, deixámosvos o vídeo da súa actuación para que poidades desfrutar desta fermosa experiencia tanto como nós.

xoves, 9 de abril de 2026

PREMIADO DO SEGUNDO TRIMESTRE NO PASAPORTE LECTOR!

 O pasaporte lector segue dando grandes alegrías na nosa biblioteca.

Neste segundo trimestre xa temos gañador, Noah Sisto, converteuse no alumno que máis leu durante estes meses. Noraboa, Noah! 👏 Sen dúbida, un exemplo de constancia e amor polos libros.

As nosas voluntarias foron as encargadas de facer a entrega do premio, acompañada do seu diploma e dun pequeno agasallo como recoñecemento polo seu esforzo lector.

E isto non remata aquí! 

Animamos a todo o alumnado a seguir participando, porque o pasaporte lector continúa no terceiro trimestre. Aínda estades a tempo de convertervos nos próximos protagonistas!





mércores, 8 de abril de 2026

RITMO COR E TECNOLOXÍA

 🎶 Ritmo, cor e tecnoloxía: O alumnado de 4º e 5º convértese en DJ por un día

Hoxe o noso colexio encheuse de sons innovadores e moita creatividade. Tivemos a sorte de contar coa visita de Didier Díaz Madan, director e docente do colectivo Ecopercusión, que veu impartir un obradoiro moi especial onde a música e a tecnoloxía foron da man.

Nesta ocasión, os rapaces e rapazas de 4º e 5º de Educación Primaria e as súas familias 
aparcaron por un momento os instrumentos convencionais para mergullarse no mundo da produción dixital coñecendo de preto o Launchpad de Novation.

🎹 Que é o Launchpad?

Para os que non o coñezades, o Launchpad é un controlador formado por unha cuadrícula de 64 botóns retroiluminados. Cada un destes botóns funciona como un "disparador" de clips musicais, efectos ou ritmos dentro do programa Ableton Live.


🎧 Mans á obra (ou aos botóns!)

Durante a sesión, o alumnado non só escoitou, senón que creou. Baixo a experta guía de Didier, os nosos "novos produtores" aprenderon a:

  • Facer mesturas en directo: Combinando diferentes bases rítmicas e melodías.

  • Xogar cos cambios de ritmo: Entendendo como a velocidade pode transformar un son.

  • Engadir efectos de son: Dándolle ese toque profesional e persoal ás súas creacións.

  • Coordinación visual e auditiva: Xestionando a cuadrícula de cores para lanzar os sons no momento xusto.

Grazas, Didier!

Dende o CEIP As Bizocas queremos agradecerlle a Didier Díaz Madan a súa paciencia e esa enerxía tan contaxiosa. Grazas por amosarnos que a música non ten límites e que, con ferramentas tecnolóxicas, a nosa capacidade de crear é infinita. 

Tamén agradecemos ás familias a vosa participación! Con vós as actividades son moito máis significativas!

Deixámosvos unhas fotos da xornada para que vexades o concentrados (e divertidos) que estiveron!




martes, 7 de abril de 2026

PODCAST SABICHÓN - A REMAR!

Nova entrega do Podcast Sabichón: Remando con forza con Lucía

O noso Podcast Sabichón segue a todo ritmo e esta vez cámbiase ao deporte acuático! O alumnado de 5º de Educación Primaria volveu poñerse aos mandos dos micrófonos para entrevistar a unha mestra que, ademais de ensinar en Infantil, sabe moi ben o que é o esforzo e o traballo en equipo: Lucía.


Unha vida ligada á auga e ao remo

Sabías que Lucía leva practicando remo desde os 10 anos? 

Durante a charla, Lucía contounos como foron os seus inicios no remo, as horas de adestramento no mar e a disciplina necesaria para coordinarse coas súas compañeiras/os de embarcación. Aprendemos que o remo non é só forza nos brazos, senón moita resistencia, concentración e, sobre todo, compañeirismo.

Entre remos e clases

A entrevista derivou cara á paixón polo deporte e como Lucía foi capaz de compaxinar a súa vida como deportista coa súa vocación de mestra. Explicounos o que sente cando está no medio do mar, pondo en valor o esforzo e a disciplina.

O reto final: O desafío do "Ranking de deportes"

Pero non todo foi falar de remo! Para rematar a visita, as rapazas e rapaces de 5º prepararon un pequeno reto para Lucía. O reto consistía en que Lucía ordenase 10 deportes segundo os que lle gustaban máis ou menos.

Non te perdas este episodio tan "atlético" e mariñeiro! Podes escoitalo aquí mesmo: 

https://drive.google.com/file/d/1NRf2x1Rv6xmwDAS_6LgYrYG3CeNxL1_P/view?usp=sharing