O pasado 15 de maio, vivimos unha xornada inesquecible co club de lectura, nunha saída conxunta co alumnado do club do CEIP Valle-Inclán, chea de emoción, aprendizaxe e convivencia arredor da figura de Rosalía de Castro tras as lecturas realizadas no Club as últimas semanas
A primeira parada foi na Casa-Museo de Rosalía, en Padrón, onde tivemos a honra de ler en voz alta algúns dos seus poemas e incluso interpretamos xuntas e xuntos a coñecida canción “Adeus ríos, adeus fontes”, nunha homenaxe colectiva ás cantareiras e á tradición oral que tanto defendía Rosalía.
Logo achegámonos ao Xardín Botánico de Padrón, onde nos agardaba unha divertida e didáctica gymkana por grupos mixtos con alumnado dos dous centros. As probas xiraban arredor da vida e obra de Rosalía de Castro, e puxemos a proba os nosos coñecementos, a nosa creatividade e o traballo en equipo. Ao rematar, tivemos unha bonita sorpresa: agasallos para todas e todos os participantes como lembranza desta experiencia.
Aproveitamos tamén o tempo libre para conversar, coñecernos mellor e compartir vivencias co alumnado do Valle-Inclán, nun ambiente de respecto, alegría e interese común pola literatura e a cultura galega.
Esta excursión foi moito máis ca unha saída didáctica: foi unha celebración viva e sentida da figura de Rosalía, unha ponte entre centros educativos e un xeito marabilloso de festexar o que nos une: a lingua, a palabra e a música.
Ningún comentario:
Publicar un comentario