Durante estes días, o alumnado participou traendo recortes de prensa relacionados coa muller: noticias sobre científicas, deportistas, artistas ou mulleres que destacan en diferentes ámbitos. Con todos estes recortes elaboramos un mural chulísimo, no que fomos colocando as noticias e comentando o que contaban.
Queremos tamén agradecer ás familias a súa colaboración, axudando a buscar e traer estes recortes de prensa, xa que grazas á súa participación foi posible crear este mural tan especial. 💜
Ademais, durante a súa hora semanal de biblioteca, cada curso participou nos Xogos do xornal, unha serie de actividades preparadas polo equipo de biblioteca. O alumnado puido resolver sopas de letras con palabras como planeta, galaxia ou astronauta, completar crucigramas con termos do universo e descubrir significados de palabras relacionadas co espazo.
As actividades estaban adaptadas a diferentes niveis segundo os ciclos, para que todo o alumnado puidese participar: os máis pequenos traballaron con palabras máis sinxelas e apoio visual, mentres que os maiores tiveron retos algo máis complexos.
Deste xeito, combinamos prensa, lectura e xogos de palabras para seguir aprendendo sobre o universo dun xeito divertido e participativo.