venres, 30 de maio de 2025

OBRADOIRO DE ESCULTURA CON IAGO FONTOIRA: ARTISTAS EN ACCIÓN!

 Esta semana o alumnado de 3º e 4º de Primaria viviu unha experiencia única: converteronse en verdadeiros escultores!

E quen foi o seu mestre? Nada máis e nada menos que Iago Fontoira, artista do Grove que sabe moito, moitísimo de arte… e que ademais explica xenial!

🧠 Primeiro falounos do seu traballo e de cousas moi interesantes como o que significa ser un artista conceptual.
🎭 Logo puxémonos mans á obra: con escaiola, esponxa floral (si, ese material que se usa para meter as plantas!) e moita imaxinación, cada grupo fixo a súa propia obra de arte.

Foron dúas mañás intensas, divertidas e cheas de inspiración, nas que cada neno e nena deixou voar a súa creatividade… e ata manchamos un pouco (ou moito 😅), pero mereceu a pena!


📸 As obras quedaron tan chulas que fixemos fotos para compartilas con vós. 

 

💬 Moitas grazas a Iago Fontoira por ensinarnos tanto, por contaxiarnos a súa paixón pola arte e por facernos ver que todos e todas podemos ser artistas!

luns, 26 de maio de 2025

FINALIZAMOS O CLUB DE LECTURA 2024/25

 Na última sesión do Club de Lectura do CEIP As Bizocas, despedímonos deste curso cun encontro moi especial cheo de reflexións, sorrisos e sorpresas.




Comezamos facendo unha avaliación conxunta, onde o noso alumnado compartiu o que máis lles gustou ao longo das sesións, o que menos, que actividades repetirían e cales non... Foi un momento moi enriquecedor no que cada quen puido expresarse libremente, axudándonos así a mellorar e a seguir medrando como club.

Despois, chegou un dos momentos máis agardados: a entrega de diplomas! Recoñecemos así o entusiasmo, o compromiso e a participación activa de todos os nenos e nenas que formaron parte desta aventura lectora.

E como colofón final, houbo regaliños para todas e todos: un imán con lenzo para pintar e unhas acuarelas para darlle cor á imaxinación. Un detalle artístico para que sigan creando tamén fóra das páxinas dos libros.

Grazas a todo o alumnado participante por facer do Club de Lectura un espazo tan especial. Vémonos no vindeiro curso con novas lecturas, máis aventuras e moita ilusión! 📚💫

venres, 23 de maio de 2025

ASISTIMOS ÁS XVII XORNADAS DE CLUBS DE LECTURA

  O pasado 21 de maio, tivo lugar no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, a XVII Xornada dos Clubs de Lectura, un encontro anual que reúne ao profesorado coordinador dos clubs de lectura dos centros educativos galegos. Este ano, máis de 500 persoas participaron nesta xornada, representando a 512 centros que forman parte do programa de Clubs de Lectura da Consellería de Educación.

Durante a xornada, entregouse o Premio dos Clubs de Lectura 2025 á escritora Paula Carballeira, recoñecida como a autora galega máis lida nos clubs de lectura no curso 2023/2024. 

O evento incluíu conversas coa autora premiada e profesoras integrantes de clubs de lectura, así como intervencións de expertos como Freddy Gonçalves e Guadalupe Jover.Tamén se presentaron experiencias de dez centros integrados no programa e pechouse a xornada cunha conversa moderada por Freddy Gonçalves, dando voz ao alumnado participante nos clubs de lectura.

Nesta ocasión, a nosa coordinadora do Club de Lectura, Silvia Morgade, foi unha das relatoras na xornada, presentando as experiencias do noso clube desde os inicios. Moitas grazas por contar con nos!

Deixámosvos enlace ás fotos: https://www.instagram.com/p/DJ6xCFdswl_/?hl=es&img_index=1


martes, 20 de maio de 2025

DÍA DAS LETRAS GALEGAS NUNHA XORNADA COMPARTIDA CO CEIP CONMENIÑO

O pasado venres 16 de maio o alumnado do CEIP Plurilingüe de Conmeniño e do CEIP As Bizocas unimos forzas para vivir unha xornada inesquecible con motivo do Día das Letras Galegas 2025, dedicado este ano ás cantareiras e á poesía popular oral galega.


A mañá arrincou coa actuación espectacular das Cantareiras de Abiñadoira, que nos fixeron vibrar coas súas voces potentes e cheas de tradición. Foi un luxo telas con nós e sentir tan preto o son das raíces galegas. Moitas grazas por compartir con nos este día!

Logo tocou repoñer forzas cunha merenda compartida onde aproveitamos para facer novas amizades, rir un montón e compartir momentos únicos entre compañeiros e compañeiras dos dous coles.

E chegou o momento que levabamos semanas esperando: cantamos, tocamos e bailamos tod@s xunt@s a canción que preparáramos nas clases de música: "Somos os Mecos do Grove". O patio enchouse de enerxía, ritmo e orgullo do noso. Esta actividade foi organizada polo equipo de EDLG de ambos coles.

Pero aínda había máis! Despois da actuación, xogamos por equipos a un xogo literario moi especial preparado polo alumnado do club de lectura: tiñamos que buscar polo patio unhas palabras escondidas que nos axudaban a recompoñer un poema de Rosalía de Castro. Corre aquí, atopa alá... 


E para rematar con bo sabor de boca, desde o noso cole repartimos uns chaveiros chulísimos a todo o alumnado como recordo desta xornada tan especial que elaboramos coa cortadora laser de polos creativos.

Convivencia, música, tradición, letras e moita diversión: así foi o noso Día das Letras Galegas 2025! Un día para lembrar 💙💛

EXCURSIÓN DO CLUB DE LECTURA A PADRÓN XUNTO CO CLUB DE LECTURA DO CEIP VALLE-INCLÁN

 O pasado 15 de maio,  vivimos unha xornada inesquecible co club de lectura, nunha saída conxunta co alumnado do club do CEIP Valle-Inclán, chea de emoción, aprendizaxe e convivencia arredor da figura de Rosalía de Castro tras as lecturas realizadas no Club as últimas semanas

A primeira parada foi na Casa-Museo de Rosalía, en Padrón, onde tivemos a honra de ler en voz alta algúns dos seus poemas e incluso interpretamos xuntas e xuntos a coñecida canción “Adeus ríos, adeus fontes”, nunha homenaxe colectiva ás cantareiras e á tradición oral que tanto defendía Rosalía.

Logo achegámonos ao Xardín Botánico de Padrón, onde nos agardaba unha divertida e didáctica gymkana por grupos mixtos con alumnado dos dous centros. As probas xiraban arredor da vida e obra de Rosalía de Castro, e puxemos a proba os nosos coñecementos, a nosa creatividade e o traballo en equipo. Ao rematar, tivemos unha bonita sorpresa: agasallos para todas e todos os participantes como lembranza desta experiencia.

Aproveitamos tamén o tempo libre para conversar, coñecernos mellor e compartir vivencias co alumnado do Valle-Inclán, nun ambiente de respecto, alegría e interese común pola literatura e a cultura galega.

Esta excursión foi moito máis ca unha saída didáctica: foi unha celebración viva e sentida da figura de Rosalía, unha ponte entre centros educativos e un xeito marabilloso de festexar o que nos une: a lingua, a palabra e a música.


Seguimos a camiñar con Rosalía no corazón 💙.

luns, 19 de maio de 2025

AXUDAMOS A SALVAR A NATUREZA: LIMPEZA DE PAMPAS EN 5º e 6º

 O pasado 9 de maio, no Grove, quitáronse máis de 1.500 plantas de herba da pampa, unha especie invasora que está a afectar a nosa natureza. Esta planta medra moito e espállase rápido, ocupando o espazo doutras especies autóctonas.



Dentro da Semana Ibérica das Especies Invasoras, o alumnado do CEIP As Bizocas participou nunha xornada de limpeza e tamén en actividades para aprender máis sobre o medio ambiente.


Aquí vos deixamos o enlace á nova: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/arousa/o-grove/2025/05/09/grove-elimina-1500-ejemplares-hierba-pampa-semana-especies-invasoras/0003_202505A9C4993.htm?utm_source=facebook&utm_medium=referral&utm_campaign=fbarou

Foi unha experiencia moi positiva para concienciarnos da importancia de coidar o noso entorno. Pequenos xestos poden facer grandes cambios!

PARTICIPAMOS NOS ALMORZOS SAUDABLES DO OBRADOIRO DE HOSTELERÍA DE SANXENXO

 O pasado xoves 15 de maio, o noso alumnado de 3º e 4º de Primaria tivo a oportunidade de participar nos Almorzos Saudables, unha iniciativa organizada pola Mancomunidade do Salnés no Obradoiro de Hostalería de Sanxenxo.

Durante esta xornada, os nenos e nenas desfrutaron dun almorzo completo e equilibrado, mentres aprendían sobre a importancia de manter bos hábitos alimenticios. Ademais, tiveron a ocasión de coñecer de preto os distintos oficios relacionados coa hostalería, o que lles permitiu descubrir novas vocacións e intereses.


Queremos agradecer ao Obradoiro de Hostalería e á Mancomunidade do Salnés por brindarnos esta experiencia tan enriquecedora. Actividades como esta son fundamentais para concienciar ao noso alumnado sobre a importancia dunha alimentación equilibrada e saudable.

venres, 16 de maio de 2025

GAÑAMOS O SEGUNDO POSTO NO CERTAME "DÍGOCHO EU"!

Estamos cheos de ledicia e orgullo por compartir unha nova marabillosa: o noso colexio obtivo o segundo posto no prestixioso certame escolar "Dígocho Eu", organizado pola CRTVG coa colaboración da Xunta de Galicia.

 Este concurso, que xa vai pola súa terceira edición, ten como obxectivo fomentar o uso do galego entre a mocidade a través da creación de vídeos orixinais e creativos.


O alumnado de 2º curso, baixo a coordinación da súa mestra responsable, Ruth Froufe, puxo todo o seu talento e entusiasmo na elaboración dun vídeo que destacou pola súa calidade lingüística, expresividade e innovación. 

Aqui vos deixamos o enlace á nova: 

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/arousa/2025/05/16/segundo-posto-digocho-eu/0003_202505A16C5993.htm

Este logro non só reflite o esforzo e a creatividade do noso alumnado, senón tamén o compromiso do cole coa promoción da nosa lingua e cultura. 

Aqui vos deixamos o vídeo gañador! Noraboa rapaces!

Queremos felicitar aos nenos e nenas e á profe que posible este éxito e animar a toda a comunidade educativa a seguir participando en iniciativas que celebran e promovan o uso do galego.

SAÍDA PARA CELEBRAR AS LETRAS GALEGAS 2025

 O pasado martes 13 de maio, o noso alumnado tivo a sorte de participar nunha actividade moi especial organizada pola Axencia de Lectura de San Vicente para homenaxear as Letras Galegas 2025.

Ás 11.00 h recibimos con moita ilusión a María Faltri, que chegou coa pandeireta na man cun espectáculo cheo de música, alegría e tradición. Durante 50 minutos,  mergullamonos na riqueza da música tradicional galega e descubrimos, dunha maneira lúdica e participativa, a importancia da tradición oral na nosa cultura.

A través dun coidado repertorio de cantigas emblemáticas da nosa música popular,  foi unha ocasión perfecta para vivir a tradición galega dende a emoción, o ritmo e o xogo.


Desde o colexio queremos agradecer á Axencia de Lectura de San Vicente esta marabillosa iniciativa e a María Faltri pola súa entrega e talento. Actividades coma esta axudan a fomentar o amor pola lingua e cultura galega, sementando curiosidade e respecto pola nosa identidade dende as primeiras idades.

Seguiremos a celebrar as Letras Galegas todo o mes, con lecturas, músicas e moita creatividade!

mércores, 14 de maio de 2025

FOLIADA CO CEIP DE CONMENIÑO POLAS LETRAS GALEGAS!

 Este venres celebraremos as Letras Galegas cunha gran foliada de convivencia co cole de Conmeniño 🥳

Ademais, contaremos cunha actuación especial do grupo Abiñadoira! de Sanxenxo, un grupo que traballa para recuperar e manter viva a música e o baile tradicional galego.

Van ofrecer unha actuación chea de música, ritmo e tradición, que nos fará viaxar no tempo e lembrar como cantaban e bailaban os nosos avós e avoas.

Será unha oportunidade única para aprender, gozar e sentir o orgullo de ser parte desta terra!

Pinchade Aquí para ver o vídeo promocional que fixeron no cole de Conmeniño. 

Vémonos o venres!


Teremos tamén algunha que outra sorpresa! Que emoción!

xoves, 8 de maio de 2025

SEMANA DO LIBRO RECREANDO CONTOS!

 Con motivo da celebración da Semana do Libro, pedímoslles as familias a súa colaboración para unha actividade moi divertida. Esta consistiu na recreación da portada  dos seus libros favoritos, familia e alumnado xuntos.

Podedes atopar as fotos nun mural no corredor do cole!



Ademais, aquí vos deixamos as fotos participantes!

Moitas gracias familias pola vosa colaboración.

martes, 6 de maio de 2025

COMEZA O PASAPORTE LECTOR!

Comeza o pasaporte lector! Animádevos a entregar no Buzón Sabichón situado na biblioteca dos libros que leades a partir de agora!

Se entregas moitos pasaportes lectores seras recoñecid@ con un agasallo para ti!
Aquí vos deixamos o modelo para completar! 



Entrada do blog escrita por Zoe de 5º.