venres, 19 de decembro de 2025

O CLUB DE LECTURA PECHA O 2025 ENTRE PANTASMAS

 Nas últimas sesións do Club de Lectura de 2025 seguimos mergullándonos no mundo dos relatos de pantasmas en galego. O libro, composto por varios relatos curtos, achega ao alumnado á tradición do medo na nosa lingua, cun estilo accesible pero cheo de matices.

Durante estas sesións tamén puxemos especial atención ao vocabulario, xa que nos relatos aparecen moitas palabras novas. A través de xogos e actividades dinámicas fomos descubrindo o seu significado e aprendendo a empregalas correctamente, o que axuda a mellorar a comprensión lectora e a enriquecer a expresión oral e escrita.

Como actividade final, entregámoslles unhas fichas creativas para inventar relatos de medo empregando emojis de Nadal 🎄👻. A combinación do terror cos símbolos propios destas datas deu lugar a historias moi orixinais e divertidas. 

Para pechar o proxecto, o alumnado gravará os seus relatos curtos de medo na radio do centro, convertendo a lectura nunha experiencia completa que unirá literatura, creatividade e comunicación oral.

Un colofón perfecto para despedir o ano no Club de Lectura… e prepararnos para novas aventuras lectoras! 📚✨

xoves, 18 de decembro de 2025

RECOMENDACIÓNS LECTORAS DE NADAL 2025

O Equipo de Biblioteca, en colaboracion coa librería Nobel do Grove, elaborou as seguintes recomendacions lectoras para o Nadal!

Como novidade, este curso engadimos tamén recomendacións para as familias!

Lembrade que un libro sempre é un bo agasallo: acompaña, fai medrar e esperta o gusto pola lectura, axuda a imaxinar, a aprender e a compartir momentos bonitos.





Bo Nadal!

martes, 9 de decembro de 2025

TALLER CON LIBROS RECICLADOS NA BIBLIOTECA

 O pasado xoves 4 de decembro, tivemos a sorte de recibir no cole aos bibliotecarios da Axencia de Lectura de San Vicente, que viñeron a compartir con nós unha actividade moi diferente e súper creativa.


Prepararon un taller de reciclaxe con libros, no que nos explicaron o importante que é reutilizar libros vellos que xa non usamos, dándolles unha segunda vida en lugar de rematalos no lixo. E que mellor maneira de facelo que converténdoos en algo novo e cheo de imaxinación?

Nesta ocasión, as nosas páxinas pasaron a transformarse nunha horta saudable, empregando diferentes materiais que eles nos achegaron. Cada neno e nena puido crear o seu propio pequeno cultivo con forma de verduriñas e plantas, demostrando que, cando a imaxinación se pon a traballar, todo é posible!

Foi unha actividade dirixida ao 2º e 3º ciclo de Educación Primaria, na que desfrutamos, aprendemos e sobre todo descubrimos que os libros tamén poden seguir contando novas historias, mesmo cando xa non os lemos.

Moitas grazas á Axencia de Lectura por vir ao cole e facernos pasar unha mañá tan divertida e diferente. Xa estamos desexando volver empezar outra actividade coma esta! 🌿📚✨

luns, 1 de decembro de 2025

NOVAS SESIÓNS NO CLUB DE LECTURA

 A semana do 24 de novembro tivemos outra sesión moi especial do Club de Lectura, na que seguimos disfrutando cos relatos de pantasmas que tanto nos gustan.

Primeiro comentamos cales estaban sendo os nosos relatos favoritos e por que. 

Despois fixemos un pequeno Kahoot con preguntas sobre o libro. Foi moi divertido comprobar canto recordabamos e competir por ver quen sabía máis sobre os contos.

Como nos demos conta de que aparecían moitas palabras novas en galego, xogamos a un xogo de vocabulario e definicións: tiñamos que unir cada palabra coa súa definición correcta. Ao final, para asegurarnos de que o fixéramos ben, comprobámolo no libro todas xuntas.

Seguimos cos relatos de medo!!