luns, 28 de abril de 2025

UNHA DELICIOSA VIAXE POLOS SABORES DO MAR

O noso colexio tivo a sorte de participar na actividade "Sabor a Mar", unha degustación de produtos do mar que nos permitiu coñecer e gozar da riqueza gastronómica do noso litoral.

 Esta iniciativa forma parte da campaña "Galicia Sabe Amar", impulsada pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia, que busca fomentar o consumo de peixe e marisco entre os escolares galegos, promovendo hábitos alimentarios saudables e dando a coñecer a importancia do sector pesqueiro na nosa comunidade.

Durante a xornada, puidemos probar diferentes pratos elaborados con peixe e marisco galego, aprendendo tamén sobre a súa orixe, as artes de pesca sostibles e os beneficios de incluír estes alimentos na nosa dieta. A actividade realizouse a través dun foodtruck que percorre os centros escolares, ofrecendo degustacións e información sobre os produtos do mar. 

Foi unha experiencia diferente, divertida e chea de sabor, que nos deixou un bo gusto na boca e moito que contar. Agradecemos á Xunta de Galicia e á Consellería do Mar por achegarnos esta iniciativa tan enriquecedora.

Que rico!

RETO SEMANAL DE...MÚSICA!

Recordades a Susa Herrera e as súas cancións sobre animais? O Sabichón convídavos a resolver uns cantos xogos relacionados coas cancións e as súas letras.


Podedes poñer a soar os CD que inclúen os libros mentres os resolvedes! Facédeo por grupos, de forma individual ou como mellor vos veña.! 


En primeiro lugar: A SOPIÑA DE LETRAS

Unhas cantas palabras están agochadas nesta sopiña, quen será capaz de atopalas todas?


En segundo lugar: O CRUCIGRAMA

Neste crucigrama debemos fixarnos ben nos debuxos, na dirección das palabras e asegurarnos de que todas encaixen cunha letra en cada cadro.


En terceiro lugar: O PASAPALABRA 

Para resolver este pasapalabra debes ser experto/a nas letras das cancións de Susa Herrera. 

Se non sabes a resposta corre a buscala nos libros!


Tedes as definicións das letras, follas de resposta individuais e as solucións no sobre de comprobación.


Deséxovos moita sorte!

venres, 25 de abril de 2025

RECITAL DE POESÍA POLO DÍA DO LIBRO EN 4º, 5º E 6º DE EP

O pasado 23 de abril, polo día do libro, o alumnado de 4º, 5º e 6º foi público dun recital de poesía da man de Diversos Con Versos, un grupo formado por Queco, Mari Carmen, Ana Belén, Silvia e Ángeles que teñen como obxectivo achegar a poesía a calquera espazo. 


As poesías que recitaron versaban sobre a muller, a poesía melancólica, reivindicativa e rosaliana e incluso de amor.. entre outras. Este grupo é, ata agora, a única formación poética destas características coécida na comarca do Salnés, polo que a súa intención é tender lazos con outras iniciativas similares e levar a cabo proxectos conxuntos.


Foi unha experiencia moi enriquecedora e especial. Moitas grazas aos membros de Diversos con Versos por vir!

mércores, 23 de abril de 2025

TEATRO NO AUDITORIO POLO DÍA DO LIBRO

Este 23 de abril, día do Libro, vimos no auditorio do Grove, unha adaptación teatral da novela Moby Dick, de Herman Melville.  


A compañía teatral Pedras de Cartón, que traballa cos clásicos da literatura desde unha perspectiva diferente, presentounos unha obra protagonizada por un gran cachalote, un monicreque de tres metros creado polo monicrequeiro Iker Pérez.

Moby Dick conta a historia de Ismael, interpretado por Juan Rodríguez, un mozo que decide embarcarse nunha viaxe onde vivirá unha chea de aventuras en compañía deste cetáceo albino, protexéndoo da obsesiva persecución do capitán do barco.

                                                            

Ademais de descubrir algún dato curioso, como que a última balea que se capturou en Europa foi en Caneliñas, Cee no ano 1985, factoría que funcionou  en Galicia durante máis de 60 anos xunto a outras plantas galegas como a de Cangas e Xove.

Grazas ao concello do Grove pola súa colaboración para que os alumnos e alumnas de Infantil, 1°, 2º e 3º de primaria puidesen coñecer de preto a historia desta balea.  

                                                       

Desde o equipo de biblioteca, e con motivo da conmemoración do día de libro animámosvos a ler calquera adaptación desta novela de aventuras.


martes, 22 de abril de 2025

RETO SEMANAL DE... ESCULTURA POLA SEMANA DO LIBRO!

 Estades preparad@s para convertervos en escultor@s?
Neste reto pola Semana do Libro, o obxectivo será representar un personaxe dalgún conto dos exemplos mediante a escultura. Tamén podedes elixir o personaxe que vos queirades! Podedes facelo en parellas, equipos, ou toda a clase!                

Logo, pegaremos a escultura nunha base de cartón coa imaxe do conto baixo un post- it que o esconda para que os demais poidan adiviñar de que personaxe se trata.
Seredes capaces de adiviñar as esculturas dos demais? Aquí tedes alguns exemplos de 1º de EP que xa se animaron a facelo!! Quedáronlle xenial!



Todo un reto! Ánimo escultor@s!

DÍA DAS ARTES GALEGAS: ISAAC DÍAZ PARDO.

O martes 1 de abril conmemoramos o Día das Artes Galegas, este ano adicado a Isaac Díaz Pardo,  pintor, ceramista, deseñador e editor.

REAL ACADEMIA GALEGA DE BELAS ARTES

Este ano veunos de luxo, xa que traballando as artes, este artista cadrounos que nin pintado! (nunca mellor dito).

Así creamos entre todos e todas este mural que se atopa nunha das escaleiras do cole: Educación Infantil fixo un símbolo característico de Sargadelos , 1º decorou o Cigarron de Sargadelos , 2º tamén fixo símbolo de Sargadelos, 3º pintou un pescador, 4º fixo un encrucillado sobre a súa vida,  e no 3º ciclo tamén investigaron sobre a vida e obra deste artista.


Quedounos un mural ben bonito!

Entrada do blog redactada por Álida e Maya (6º de EP).

luns, 21 de abril de 2025

VÍCTOR GALLEGO FÁLANOS DE CINE EN 5º E 6º

 O cine e o xornalismo chegaron ás aulas de 5º e 6º de EP! O alumnado de 3º ciclo, inmerso no traballo co cine dentro do PDI de artes, recibiu a Victor Gallego, director de documentais como Mulleres do mar, guionista e presentador de proxectos como O Salvador, entre outras actividades.

Durante a súa visita puidemos ver en primeiro plano (nunca mellor dito!) cámaras e material relacionado co mundo do cine, xa que está especializado en cine documental e en TV.

Moitístimas grazas Víctor por vir e ensinarnos tanto!






luns, 14 de abril de 2025

VISITA DA MATRONA EN 4º, 5º e 6º de EP

Este venres 11 de Abril recibimos a visita da matrona do Grove e duas enfermeiras, que nos explicaron dun xeito claro e respectuoso como funciona o ciclo menstrual e a hixiene íntima feminina. 

Grazas á súa intervención, aprendemos que o ciclo é un proceso natural que forma parte da saúde reprodutiva das mulleres, e comprendemos mellor as súas fases: a menstruación, a ovulación e os cambios hormonais que ocorren ao longo do mes. 


A charla tamén serviu para resolver dúbidas e desfacer mitos, promovendo o respecto, a igualdade e o coñecemento do propio corpo. 

Foi unha experiencia educativa moi útil e enriquecedora.

Moitas grazas por vir e regalarnos este espazo de respecto e autocoñecemento!

xoves, 10 de abril de 2025

RECOMENDACIÓNS LECTORAS 2º TRIMESTRE

Dende o Equipo de Biblioteca elaboramos estas recomendacións lectoras para as vacacións do 2º trimestre.

Ademais, podedes atopalos na librería do Grove! 


 Vémonos á volta!

martes, 8 de abril de 2025

COÑECEMOS OS RALLYS DA MAN DE ANDRÉS CACHALVITE E TOÑO

 O pasado martes vivimos unha xornada moi especial no colexio coa visita de dous corredores de rally que nos trouxeron un dos seus coches de competición ao cole! 

Tivemos a oportunidade de coñecer como funciona un coche de rally por dentro, escoitar as explicacións dos pilotos sobre a súa experiencia nas carreiras e mesmo sentarnos ao volante para sentirnos como verdadeir@s profesionais do motor.

Toño e Andrés Cachalvite ensináronnos o coche e foron os encargados de resolver as nosas dúbidas e explicarnos con todo detalle como é o proceso completo dun rally, desde a preparación ata a competición. 

 

Esta actividade forma parte dun programa educativo patrocinado e organizado pola Federación Galega de Automobilismo (FGA), que busca achegar o mundo do motor á mocidade dun xeito seguro, formativo e inspirador, programa no que fumos seleccionados!


A actividade foi moi divertida e tamén educativa, pois falamos sobre seguridade viaria, o traballo en equipo e a importancia do esforzo e a disciplina no deporte. 


Ademais, tamén puidemos participar nun concurso de deseño de coches de rally
!
 O gañador/a poderá ver o seu coche de rally feito realidade, que pasada!

Sen dúbida, foi unha experiencia que  lembraremos con moita ilusión. 
Moitísimas grazas por vir!

Deixamosvos aquí o enlace á nova: 

O CLUB DE LECTURA INMERSO NOS POEMAS DE ROSALÍA DE CASTRO

Dende a volta de entroido, o alumnado do club de lectura  de 5º e 6º de EP atópase investigando e lendo sobre a música tradicional, en relación ás cantareiras ás que se lle adican este ano as Letras Galegas e tamén a Rosalía de Castro.

Lemos cantigas das pandereteiras de Mens, cantamos con Adolfina e Rosa Casás e con Eva Castiñeira para homenaxear a todas as mulleres anónimas que teceron, amaron e transmitiron a nosa música, poesía e cultura ao longo dos séculos.


Ademais, sempre lembrando a Rosalía de Castro, estamos aprendendo e cantando o poema  "Adios ríos, adios fontes", co seguinte videoclip, e coa mestra de música tocando o ukelele.

Deixámosvos aquí a canción para que poidades repasala!


RETO SEMANAL DE... PINTURA!

 Nesta nova semana agárdanos na biblioteca un novo reto de pintura! 

Desta vez, en conxunto co Equipo de Dinamización de Lingua Galega, o reto será un concurso para crear a portada da revista escolar deste curso! 

Que emocionante!

Agardamos que vos poñades ben creativos... pode ser moi difícil a elección da portada gañadora!



venres, 4 de abril de 2025

VISITA DA ESCOLA DE MÚSICA DO GROVE

Seguindo co noso proxecto da PDI "Pequen@s artistas", esta vez tocou afondar nunha das artes... a música!


Este martes tivemos a sorte de contar con varios profes da escola de música do Grove, así como do seu director, Carlos Oubiña, que viñeron ao noso cole para dar a coñecer os instrumentos de vento. 

Con eles, escoitamos un concerto didáctico no que ademais de descubrir o funcionamento destes instrumentos, tivemos a oportunidade de probalos e experimentar coa música en primeira persoa. Pasámolo xenial!

Esperamos que vos gustase a experiencia e animámos a todos os nenos e nenas que lles gustou algún dos instrumentos a visitar a escola e asistir gratuitamente ás clases de Linguaxe Musical todos os xoves de 16:00h a 17:30h. 

Pinchade neste enlace para ver máis fotos AQUÍ.

Moitas gracias pola visita!

martes, 1 de abril de 2025

RETO SEMANAL DE... ARQUITECTURA!

Nesta nova semana agárdanos na biblioteca un novo reto...nada máis e nada menos que tres niveis diferentes!

O primeiro é construir un iglú. O alumnado de infantil leu un conto sobre a historia de Malina, unha nena esquimó que ten que superar a proba do iglú, demostrando que xa é adulta. Credes que é unha tarefa sinxela? 

Neste reto deixamos nunha caixa con terróns de azucre, simulando os bloques de xeo. 

Esperamos ver as vosas creacións!

Outro dos retos está adicado a unha artista que se inspira na arquitectura para elaborar as súas pezas. Mel Edwards constrúe pequenos edificios en papel. O reto é poder relacionar cada número e/ou letra do abecedario coa foto do edificio no que está inspirado.

  

E a terceira proposta, é jenga cos edificios máis altos do mundo. Coas pezas rectangulares debedes levantar unha torre, cunha base de tres pezas, colocadas alternativamente en horizontal e vertical. 

Cada unha das pezas ten imaxes de ditos edificios, podedes xogar retirándoos por quendas ou localizalas no skyline que acompaña ao xogo, ou tentar conseguir nunha única partida retirar só o top 5 ou top 10 da clasificación. 

Pode ser misión imposible!